O PP solicita a celebración dun pleno extraordinario co fin de mellorar a seguridade no Concello de Oroso

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, presentou esta mañá un escrito no que os populares solicitan a celebración dun pleno extraordinario para abordar o problema da falta de seguridade no municipio.

 

Os populares, que levan anos preocupados por este tema, reiteran que a seguridade é un dereito fundamental de todos os cidadáns. Neste sentido, Doval recorda que, dende fai varios anos, Oroso, e sobre todo o núcleo urbán de Sigüeiro, está a vivir episodios, mais ou menos frecuentes, que poñen en tela de xuízo esa tan ansiada seguridade.

 

Nas últimas semanas, apunta o popular, producíronse varios roubos en garaxes colectivos e vivendas do municipio, uns feitos, dixo, que se unen aos xa acontecidos en meses anteriores como roubos en negocios (banco e farmacia) e unha serie agresións a menores etc.

 

“Oroso ten un déficit claro e evidente en materia de seguridade, unha plantilla de Policía Local escasa -con solo dous membros e desbordados de traballo-, e un cuartel da Guardia Civil mermado e que comparte gardas de vixilancia con concellos bastante afastados do noso”, denunciou Doval.

 

Ante esta situación, dende o Partido Popular consideran “urxente” que o Goberno de España, e concretamente o Ministerio de Interior, reforce a plantilla da Guardia Civil do municipio e da comarca, ademais de que, na medida do posible, a Xunta de Galicia acelere o procedemento para a selección dun novo Policía Local, e que o executivo local cree a Xunta Local de Seguridade como fórmula para coordina todos os corpos e forzas de seguridade do Estado con competencias no municipio.

 

“Esta moción non vai en contra de ninguén, senón en favor dos veciños. É preciso reclamarlle a todas as administracións, en función das súas competencias, que poñan o seu gran de area para reverter esta situación”, incidiu Doval, concluíndo “esperamos que o Goberno Local de PSOE-BNG estean a altura das circunstancias e non salgan con escusas baratas”.