O PP tacha de “chapuza” o proxecto para mellorar as instalacións do club de remo e pide unha reforma á altura da entidade

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ares tachou hoxe a través do seu portavoz, José Manuel Cendán, de “chapuza” o proxecto que o Goberno Local ten pensado levar a cabo para mellorar as instalacións do Club de Remo da localidade.

 

O popular lembra que, actualmente, o Club de Remo de Ares é unha referencia do norte de Galicia ao estar ao máis alto nivel de competición estatal e que, por tanto, explicou, merece unhas instalacións acorde coa esixencia deportiva que ten nestes momentos.

 

“As instalacións das que dispón o club a día de hoxe son totalmente deficientes, insuficientes para calquera club de remo de banco fixo e remo olímpico, e moito máis para a nosa traíña Santa Olalla que está na elite do remo non só de Galicia, senón tamén de España”, denunciou Cendán.

 

Neste sentido, o popular responsabilizou directamente ao portavoz do grupo municipal do NAL, Luís Cendán, de pretender desenvolver unhas instalacións que non cumpren as máis mínimas necesidades do Club. “Estamos a falar de construír un simple galpón, con tipoloxía de nave gandeira, que pretende executarse no actual porto deportivo”, dixo Cendán, quen subliñou que as instalacións proxectadas só dispoñen dun almacén e aseos, cuxa distribución fai que sexa imposible amplialas no futuro sen ter que demolelas antes.

 

Sobre este punto, o popular indicou que as necesidades básicas do Club de Remo de Ares esixen unhas instalacións que inclúan, como mínimo, un ximnasio, un foso de adestramento, unha aula de formación e unhas oficinas destinadas tanto aos remeiros como á canteira do club.

 

Unhas instalación dignas

Así mesmo, explicou Cendán, resulta lamentable a pobreza arquitectónica e a escasa integración paisaxística do proxecto. “Os arquitectos consultados denomínano galpón ou nave gandeira e proxéctano dentro do feísimo de Galicia, describíndoo como unha construción antiestética e non acorde cos tempos actuais, aínda máis cando se pretende executar nunha das zonas máis visibles e frecuentada de Ares como é o porto deportivo”, dixo,

 

Non se entende, dixo o popular que o actual grupo de goberno do PSOE aprobe este deficiente proxecto, tendo en conta que o leva prometendo é o seu programa de goberno do tres últimas lexislaturas. “Ares pode e debe dispor dun Club de Remo digno, moderno e á altura dos seus remeiros, que cumpra, como mínimo, cos requirimentos básicos da entidade”, reclamou Cendán, quen resaltou que a situación é aínda máis grave tendo en conta que o actual goberno local ten gastado centos de miles de euros en reformar e construír edificacións que actualmente non teñen uso e que os veciños non demandaban: reitoral de Ares, reitoral de Chanteiro ou Alboio de Redes.

 

Esforzo titánico dos remeiros

O grupo popular ten moi claro que despois do esforzo heroico e titánico realizado pola entidade para estar na actual ACT, o Concello debería estar á altura do club, dotándoo dunhas instalacións dignas, que cubran as súas necesidades básicas e que posúan unha mínima calidade arquitectónica.

 

“Desde o actual grupo municipal do Partido Popular instamos o grupo municipal do PSOE, do mesmo xeito que manifestou o grupo municipal do BNG, a reformularse o pésimo proxecto que o portavoz do grupo municipal NAL, Luís Cendan, expón para as futuras instalacións do Club de Remo de Ares”, concluíu o popular.