O PP tacha de “chiste de mal gusto” que o Goberno Local cifre en 4 millóns de euros o investimento realizado no rural de Oroso

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, tachou hoxe de “chiste de mal gusto” o feito de que o Goberno Local do PSOE e BNG atrévase a cifrar en 4 millóns de euros o investimento realizado nas zonas rurais do Concello.

“Despois das últimas afirmacións que escoitamos, creemos que o mellor que podemos facer polo executivo local é regalarlle un ‘Cuardenillo Rubio’ de sumas aos integrantes do bipartito para que repasen as contas”, apuntou Doval.

Lonxe de querer restarlle importancia este asunto, o portavoz do Partido Popular de Oroso asegurou que calquera persoa que viva nunha das once parroquias do rural que ten o municipio é consciente do abandono ao que o Goberno Local ten sometido a estas zonas.

“Basta con dar un paseo para comprobar o estado de abandono no que se atopan as pistas, a falta de saneamento ou o mal funcionamento da traída de auga”, denunciou Doval, quen acusou o bipartito de querer tapar agora todas estas deficiencias presentando un “totum revolutum de supostas actuacións para sacarse da manga o investimento de 4 millóns de euros”.

Un proxecto caduco

Para os populares de Oroso, o comportamento do Goberno Local pon de manifesto dúas cousas. Por unha banda, dixo Doval, a confirmación de que o seu proxecto está “caduco” e, o máis grave, doutra banda, que tratan de “burlarse dos veciños con trucos de trileros cos que xa non enganan a ninguén”.

Por último, o portavoz local aproveitou para reiterar o compromiso “serio” e “real” que a súa formación terá coas zonas do rural e que, segundo explicou Doval, verase concretado en medidas, actuacións e investimento que permitirá mellorar todas estas parroquias “maltratadas” polo actual Goberno Local nos últimos 20 anos de mandato.