O PP tacha de decepcionante o resultado das obras de ampliación da estrada de Carollo na parroquia de Cardama

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso cualificou hoxe a través do seu portavoz, Alexander Doval, de “decepcionante” o resultado das obras levadas a cabo para a ampliación de estrada de Carollo na parroquia de Cardama.

Os populares explicaron que, tras máis de dez anos de espera, a ansiada actuación, que serviría para comunicar a parroquia de Cardama con Piñeirón e con Sigüeiro, por unha banda, e con Budiño (O Pino) e a estrada nacional que remata en Oviedo, doutra banda, resulta de xeito evidente incompleta.

“Burláronse dos veciños. Iso é o único que fixeron”, afirmou Doval, quen explicou que as obras só afectaron a un tramo intermedio de menos de dous quilómetros, o que provocou, dixo o popular, que quedara sen ampliar a estrada nun tramo de 1,5 quilómetros ata Piñeirón e de 700 metros en Budiño.

Lonxe de quedar aquí, as críticas do portavoz do Partido Popular centráronse tamén no feito de que as obras só permitisen unha ampliación de 50 centímetros nunha vía de alta densidade de tráfico. “Iso e nada é o mesmo”, lamentou Doval, quen se fixo eco do malestar que existe entre os veciños da zona.

Foron precisamente estas queixas as que provocaron que o rexedor, Luis Rey, prometese retomar este proxecto co orzamento do 2023. “Si queren tomar nota de como hai que facer as cousas poden copiar do que fai o Concello do Pino. Alí parece que os seus veciños teñen máis dereitos que os de Oroso”, subliñou o popular, quen puxo como exemplo a obra realizada nese municipio onde a mesma vía ampliouse en 1,5 metros e nun tramo total de 4,7 quilómetros.