O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, mostrouse moi crítico hoxe despois de comprobar que o Goberno local renunciou de novo a participar na convocatoria de obradoiros de emprego que pon en marcha a Xunta de Galicia.
“Paréceme algo imperdoable e completamente intolerable que, na situación actual que nos atopamos, cunha crise sanitaria que afecta de cheo ao ámbito laboral e económico de todos os municipios, os veciños de Oroso perdan esta oportunidade por culpa do noso rexedor”, apuntou Doval, quen lembrou que é o quinto ano consecutivo que o executivo local opta por non reclamar esta iniciativa autonómica.
Con case medio milleiro de persoas sen emprego no municipio, Doval explicou que resulta “incomprensible” que o Goberno local non siga os pasos de concellos próximos como Mesía, Ordes e Frades que si gozarán da posta en marcha deste obradoiro. “O señor Mirás tería que reunir a todas esas persoas que non teñen traballo e explicarlles os motivos de por que non poden ter as mesmas oportunidades que a xente que vive a poucos quilómetros de eles”, subliñou o popular.
Neste sentido, o Doval apuntou que a decisión do executivo local de renunciar a unha iniciativa que conta cun orzamento de 346.000 euros e da que se poderían beneficiar 20 alumnos durante 9 meses, só pódese entender desde dous puntos de vista: “que ao alcalde déalle absolutamente igual todo ou, doutra banda, que non acepte esta proposta por vir da Xunta de Galicia. Calquera das dúas opcións é intolerable”, concluíu o popular.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742