O grupo do Partido Popular no Concello de Narón, a través do seu portavoz, Germán Castrillón, mostrou hoxe o seu apoio á empresa auxiliar do sector naval Electro Rayma, despois de que a dirección da provedora con sede en Narón presentase nos últimos días unha demanda contra Navantia pola falta de pagamento de 4,7 millóns de euros, correspondentes ao acordo marco asinado entre ambas empresas para a montaxe e a instalación eléctrica e subministración de determinados materiais, equipos e compoñentes de dous buques denominado 217 e 218 AAOR.
Os populares tachan de “inadmisible” o incumprimento do pago por parte de Navantia, e aseguran que esta forma de actuar provoca unha “enorme inseguridade” no futuro das empresas auxiliares da comarca que traballan para a multinacional da construción de buques. “No momento no que estamos, con toda a incertidume que rodea a este sector polos constantes incumprimentos do Goberno central en canto á carga de traballo dos estaleiros, o que menos necesitan estas empresas é un comportamento deste tipo por parte de Navantia. Este é o primero caso, pero o certo é que o medo xa está instalado no resto de auxiliares”, lamentou Castrillón.
Despedimento de 330 empregados
O portavoz dos populares aproveitou tamén para anunciar que a súa formación traballará para reverter a situación e defender as empresas do municipio e os empregos que están ligados a este sector. “Estamos a tempo de buscar unha solución ás discrepancias que manteñen entre ambas as empresas. É necesarios, polo ben de todos, evitar o peche de Electro Rayma e, como consecuencia, o despedimento dos seus 330 empregados”, dixo.
Neste sentido Castrillón incidiu en que a comarca de Ferrolterra xa está “suficientemente castigada” a nivel empresarial e económico como para ter que soportar un caso como o de Electro Rayma. “Non podemos seguir prexudicando ás empresas do sector industrial nun momento complicado a nivel social e de emprego. Agora toca traballar xuntos, da man de todas as administracións, para aunar esforzos e pelexar contra as consecuencias da mala xestión que está a realizar o Goberno central”, concluíu o popular.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742