O PP tacha de “tomadura de pelo” que Ares incremente en 4 euros o prezo da hora do servizo de axuda no fogar

O grupo do Partido Popular no Concello de Ares cualificou hoxe a través do seu portavoz, José Manuel Cendán, de “tomadura de pelo” que o Goberno Local decidise –co apoio do resto de grupos que conforman a corporación, incrementar en máis de catro euros –de 12,01 a 16,41- o prezo da hora no servizo de axuda no fogar.

Os populares lembran que o contrato deste servizo está subvencionado pola Xunta de Galicia con máis de 438.167 euros e pola Deputación da Coruña con máis de 132.000 euros. “Resulta intolerable o incremento do prezo da hora nun momento no que os cidadáns teñen que facer fronte xa ao maior IPC dos últimos 37 anos”, apuntou Cendán.

Neste sentido, desde o PP de Ares incidiron en que o servizo de axuda no fogar está destinado a persoas que, na maioría dos casos, contan con escasos recursos económicos para facer fronte a unha prestación que, doutra banda, resulta fundamental para o seu día a dia. “Hai que ter moi pouca sensibilidade para cargar sobre estas familias unha subida que busca facer caixa para tapar a mala xestión que esta a facer o Goberno Local”, apuntou o portavoz popular.

O modelo de Mugardos
Os populares aproveitaron para poñer de manifesto que a decisión do Concello de Ares é a “todas luces sanguenta”, tendo en conta que noutros municipios da comarca, lonxe de subir o prezo deste servizo, ofrécese máis barato e con máis posibilidades para os veciños.

“O primeiro que debería facer o executivo local é tratar de explicar esta decisión e, posteriormente, facer o mesmo para que a xente comprenda por que en Mugardos os veciños pagan a hora a pouco máis de 12 euros e, ademais, contan con servizo de podoloxía, fisioterapia e barbería”, dixo Cendán, quen asegurou que é “moi complicado” que a xente poida aceptar calquera tipo de explicación respecto do que sucede en Ares.

Lonxe de quedar aquí, os populares urxiron ao executivo local a que deixe de “despilfarrar” o diñeiro das arcas públicas e que se poña a xestionar para que non sexan os veciños de Ares o que teñan que pagar do seu peto do “desastre económico” no que está inmerso o municipio.