O PP urxe ao Concello a que realice as obras necesarias para instalar o Ticpesc que demanda a Confraría de Pescadores

O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía reclamou hoxe a través da súa portavoz, Sandra Vilela, que o Goberno Local realice canto antes as actuacións necesarias para poder instalar a ferramenta electrónica –Ticpesc- que facilita o traballo administrativo da Confraría de Pescadores.

A popular, que subliña que o sector leva meses reclamando a necesidade de poñer en marcha o Ticpesc, explicou que o problema está en que a canalización pola que ten que pasar a fibra está rota despois dunhas obras que o Concello de Muxía realizou hai tempo nas inmediacións da lonxa.

“Non estamos a pedir unha actuación que supoña nin un investimento alto, nin unhas obras importantes. Falamos de algo sinxelo e que se pode facer co persoal municipal, pero que é moi importante para a Cofradía de Pescadores”, dixo Vilela, quen denunciou que esta semana a empresa encargada de colocar a fibra non puido facelo porque o Goberno Local non levou a cabo as obras necesarias que se demandan dende o inicio da lexislatura.

Neste sentido, a portavoz popular fixo fincapé en que, ademais da Confraría de Pescadores, a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e Portos de Galicia, tamén reclamaron ao alcalde, Iago Toba, que realice as actuacións pertinentes.

“Estaría ben que o señor Toba deixásese de preocupar polas redes sociais, os medios de comunicación e abandonase a súa política de tratar de confrontar aos veciños coa oposición e puxésese, dunha vez por todas, a solucionar as necesidades e os problemas de Muxía”, concluíu Vilela.