O PP urxe ao Goberno local a que leve a cabo os traballos de limpeza do roteiro dos Muiños, abandoado desde hai anos

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, denunciou hoxe o estado de “absoluto abandono” no que se atopa actualmente o roteiro dos muíños de Oroso, unha situación, dixo, que se prolonga no tempo dende fai xa anos, sen que o executivo local faga algo para poñerlle remedio.

Segundo explicaron os populares, a zona é case intransitable para calquera veciño debido a que a maleza e a vexetación fai imposible pasar pola zona sen correr o risco de caerse o facerse daño con algo.

“Pasar por este roteiro converteuse nunha auténtica ‘misión imposible’. A maleza que envadiu todo o percorrido fai imposible poder camiñar por este percorrido”, denunciou Doval, quen recordou que a súa formación xa alertou desta situación fai anos.

O portavoz popular cualificou de “imperdoable” a “desidia” mostrada polo executivo local ao que acusou de non aproveitar o potencial turístico dunha ruta de máis de 8 quilómetros que percorre as parroquias de Senra, Cardama e Vilarromariz.

“Estamos a perder unha oportunidade para atraer turismo ao noso municipio. Noutros concellos este tipo de roteiros xeran un impacto importante na economía local, pero aquí seguen sen mover un dedo”, apuntou Doval.

Ante esta situación, desde o Partido Popular de Oroso instan o goberno local a que “tome cartas no asunto”, toda vez que, tal e como explicou Doval, este tipo de roteiro teñen unha gran demanda debido á situación de pandemia que estamos a vivir. “A xente busca actividades ao aire libre, sen moitas aglomeracións, e estamos convencidos de que o noso roteiro é un lugar inmellorable para este tipo de turismo”, concluíu Doval.