Os deputados do Grupo Popular Paula Mouzo Mas e Roberto Rodríguez visitaron os penedos de Traba e Pasarela, nos concellos coruñeses de Laxe e Vimianzo, e salientaron o impulso que suporá para o turismo natural da comarca de Terra de Soneira-Costa da Morte a execución do Plan de xestión desta paisaxe protexida que está a levar adiante a Xunta e no que está previsto investir arredor de 600.000 euros nos vindeiros 10 anos.
Paula Mouzo e Roberto Rodríguez lembraron que se trata do primeiro plan de xestión aprobado especificamente para unha paisaxe protexida en Galicia, que está estruturado en catro eixes fundamentais: conservación do patrimonio natural, cultural e inmaterial; xestión sustentable e control dos usos; investigación e educación ambiental; e promoción turística responsable.
Entre as actuacións previstas pola Xunta para desenvolver neste espazo protexido figuran a renaturalización dos espazos, coa replantación con especies autóctonas, eliminación de eucaliptos e especies exóticas invasoras; a mellora de rutas e a súa sinalización; a habilitación de aparcadoiros e miradoiros para os visitantes; a elaboración de inventarios e estudos sobre a historia deste espazo e o seu valor arqueolóxico; a creación de material didáctico; e as correspondentes tarefas de mantemento para o control de verteduras e a regulación de usos tradicionais compatibles co espazo.
“A través deste tipo de actuacións a Xunta demostra o seu firme compromiso en compatibilizar a conservación do medio ambiente de Galicia co desenvolvemento socioeconómico dos habitantes dos espazos naturais protexidos”, salientaron os deputados populares, quen incidiron na necesidade de “entender Galicia como un espazo sostible, dotando ao medio rural galego de servizos de calidade”.