O PPdeG salienta que a Xunta investirá este ano 129.000 euros en actuacións de mantemento e conservación de igrexas de Betanzos e Pontedeume

A deputada do Grupo Popular e portavoz do PP de Betanzos, Cecilia Vázquez, salientou hoxe que a Xunta destinará este ano 129.000 euros para actuacións de mantemento e conservación das igrexas parroquiais de San Martiño de Tiobre en Betanzos e San Pedro de Vilar en Pontedeume.

Acompañada da concelleira e voluntaria da Unidade Pastoral de Betanzos, Araceli López, Cecilia Vázquez realizou unha visita á igrexa parroquial de San Martiño de Tiobre, na que se están levando a cabo traballos de reconstrución do seu cerramento a través do convenio de colaboración entre a Xunta e as dioceses galegas.

Esta igrexa románica data do século XII e colapsou a finais do pasado mes de xaneiro logo dun temporal. Cecilia Vázquez subliñou a súa importancia porque “é o único ben que queda da orixe de Betanzos, antes do seu traslado ao lugar actual en 1219”.

“Estas obras son unha mostra máis do compromiso do actual Goberno galego coa preservación do patrimonio cultural de todo o territorio galego, que neste caso se dirixe á posta en valor dos bens máis senlleiros das dioceses galegas”, indicou a deputadas popular.

VALOR ARTÍSTICO, CULTURAL E HISTÓRICO

Ademais desta intervención no tempo de Betanzos, a través deste acordo levaranse a cabo este ano obras de renovación da cuberta e das fachadas da igrexa parroquial de San Pedro de Vilar en Pontedeume, ambas pertencentes á Diocese de Santiago.

O obxectivo destas actuacións é velar pola conservación destas igrexas parroquias e velar polo seu valor artístico, cultural e histórico. En total, a Xunta actuará este ano en 16 igrexas parroquiais galegas, nas que investirá 600.000 euros, o que supón un incremento de 250.000 euros respecto do pasado ano.