O PSOE oponse a convocar concursos urxentes para ofrecer alternativas aos concellos afectados polo peche de centrais térmicas de carbón

O Grupo do Partido Popular no Congreso logrou onte, cos votos de todas as forzas políticas representadas na cámara, agás os do PSOE e os de Vox, e coa abstención do PNV, instar ao Goberno Central a que convoque concursos urxentes para ofrecer alternativas enerxéticas aos municipios afectados polo peche de centrais térmicas de carbón, como ten sucedido nos concellos de As Pontes e Cerceda.

Tras o debate na Comisión, os populares lograron unha transacción que permita negociar cos concellos afectados un mecanismo de compensación da perda de recadación municipal, cando menos en concepto de IAE e IBE-BICES, producida polo devandito peche, anticipado e non planificado, coa finalidade de preservar o principio de suficiencia financeira das entidades locais.

Ademais, no texto esíxese ao Executivo a que proceda á convocatoria inmediata dos concursos de transición xusta naqueles lugares afectados polo peche de centrais térmicas de carbón, e a apoiar aqueles proxectos industriais que resulten viables e compatibles co territorio.

Os populares engaden a importancia de que o Goberno Central apoie ademais os proxectos enerxéticos de enerxías renovables e industriais ambientalmente viables e compatibles co territorio, xa que serán os verdadeiros xeradores de riqueza e emprego.

“Queda demostrado que a transición enerxética deseñada polo Goberno socialista foi precipitada e pouco ordenada, afectando seriamente á actividade, o prezo da enerxía e tamén ás economías locais”, apuntan.

Explicacións a Besteiro e González Formoso
Tras o voto en contra dos socialistas, o secretario xeral do Partido Popular na provincia de A Coruña, Evaristo Ben, cargou contra o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e contra o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a quen pediulles explicacións polo que entende como unha “nova mostra dos malos tratos” que a súa formación proporciona a Galicia.

“Estaría ben saber cal é a súa postura respecto ao voto da súa formación en Madrid. Os galegos, e en especial os veciños das Pontes e de Cerceda, merécense saber se os dirixentes do PSdeG están a favor dunha postura que pretendía prexudicar os intereses da xente que vive nestes municipios”, dixo Ben.