Oliva Agra encabezará a lista do Partido Popular de Ames nas eleccións municipais de maio

Oliva Agra encabezará a lista do Partido Popular de Ames nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo 28 de maio. A actual presidenta da xestora local será a encargada, a partir de agora, de confeccionar e dirixir un equipo de persoas co que os populares aspiran a ser a forza maioritaria na cita coas urnas locais que terá lugar dentro de catro meses.

A dirección popular aposta pola actual presidenta local da xestora que afrontará o reto de liderar o partido por primeira vez nas eleccións municipais co obxectivo de presentar un proxecto que atraia o voto de toda a xente do concello que está a demandar un cambio na forma de facer política.

Nai de dúas fillas, Oliva Agra naceu, vive e traballa en Milladoiro onde é propietaria dunha asesoría fiscal. Portavoz do grupo municipal, a popular é a persoa idónea para capitanear o proxecto popular, tendo en conta que foi a encargada de liderar a oposición e coñece á perfección as necesidades e as demandas que teñen os veciños de Ames.

Nas próximas semanas, o Partido Popular de Ames fixará unha data para celebrar o acto oficial no que se citará a todos os afiliados, militantes e simpatizantes que a formación ten no municipio.