Os membros da candidatura de C’s en Oroso intégranse no Partido Popular

A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña confirmou hoxe que os integrantes da candidatura que C’s presentou nas eleccións municipais do 2019 no Concello de Oroso integraranse no Partido Popular do municipio. Algúns deles, como é o caso de Ismael Cendal, Olga Otero e Lola Pena número un, dous e tres da lista, respectivamente, pasarán tamén a formar parte da xunta directiva local dos populares.

Tras varios meses de conversacións entre os integrantes de ambas formacións, o acordo cerrouse nos últimos días e escenificouse nunha reunión na que estiveron presentes o presidente provincial, Diego Calvo, e o vicesecretario de Organización e Territorio, Evaristo Ben, o portavoz local, Alexander Doval e os xa ex membros de C’s Ismael Cendal, a número dous e coordinadora da agrupación, Olga Otero, e Lola Pena Fandiño, numero 3 da lista. Acudiron tamén os edís populares da corporación e diversos membros da xunta directiva local.

Para Doval, esta integración reforza á súa formación como a “casa común” do centrodereita, e como a “alternativa real ”a un goberno local que, na súa opinión, hai moitos meses que dá síntomas de esgotamento. “É moi importante que estes compañeiros se sumen ao noso proxecto, o que vemos como a mostra clara que o Partido Popular é a única alternativa posible ao actual desgoberno de Oroso”, manifestou Doval.

Durante o encontro, tanto o portavoz local como o presidente provincial mostraron a súa satisfacción pola integración destas persoas no Partido Popular, onde aseguraron que “sodes benvidos” e onde Diego Calvo augurou que “vos sentiredes como na vosa casa”. Apelou, tamén, á importancia do traballo da base e ao grande traballo que se realiza desde os concellos, onde cada unha das persoas que forman parte do partido “ten que sentirse útil, ten que ter unha función e ten que saber que a súa achega é importante para o proxecto común do Partido Popular tanto en Oroso, como en Galicia como en España”.

Do mesmo xeito, Calvo apelou a seguir sumando esforzos para contar cada vez con máis persoas que contribúan a “facer do Partido Popular de Oroso un equipo amplo no que ten cabida todo aquel que queira traballar polos seus veciños, á marxe de dogmatismos e cunha clara vontade de servizo público”.