Rubén Suárez volverá ser o candidato do Partido Popular á alcaldía de Negreira nas eleccións municipais de 2027. O secretrario xeral dos populares na provincia, Evaristo Ben, refrendou a proposta presentada polo comité local nunha reunión celebrada no día de onte.
A dirección provincial aposta así pola continuidade de Suárez á fronte do proxecto local, despois de que o candidato quedara a moi poucos votos de conseguir a alcaldía nas dúas últimas convocatorias electorais. De cara a 2027, os populares buscan reforzar o seu equipo e o traballo no municipio co obxectivo de conseguir a confianza dos veciños e asumir o goberno local.
Durante a reunión, Evaristo Ben agradeceu a Rubén Suárez o seu compromiso con Negreira e o traballo desenvolvido durante estes anos, así como a súa disposición para seguir liderando o proxecto do PP no municipio.
“Quero agradecerlle a Rubén o seu compromiso con Negreira e o traballo que leva realizado. Quedar tan preto da alcaldía en dúas ocasións demostra que hai moito traballo detrás, pero tamén que temos que seguir esforzándonos para acadar o noso obxectivo”, sinalou o secretario xeral provincial.
Ben insistiu na importancia de que o partido afronte esta nova etapa desde a unidade e coa implicación de toda a organización. “Agora é o momento de sumar, de traballar todos na mesma dirección e de reforzar o equipo. As eleccións municipais esixen esforzo, constancia e compromiso, e necesitamos que toda a organización se implique para conseguir que o Partido Popular poida gobernar Negreira”, engadiu.
AS XERAIS COMO ANTESALA DAS MUNICIPAIS
O secretario xeral provincial tamén destacou a importancia de manter o contacto directo cos veciños, escoitar as súas demandas e traballar para ofrecer respostas aos problemas e necesidades do municipio.
Neste sentido, Ben destacou a importancia do trabablallo nas eleccións xerais como antesala do que virá no mes de maio. “Temos unha boa oportunidade agora para traballar, para testar á xente, e para poñer as bases do que teremos máis adiante. Sacar un bo resultado agora será o mellor impulso para lograr o goberno local dentro duns meses”, apuntou.