Valentín Calvín comprométese como novo presidente do PP de Ortigueira a pelexar “todos e cada un dos votos”

“Prométovos que non deixarei de pelexar e loitarei ata o último día por todos e cada un dos votos que nos permitan alcanzar a alcaldía”. Esas foron as primeiras verbas pronunciadas por Valentín Calvín despois de que os afiliados apoiasen no congreso celebrado onte, e cun 100% dos votos, a súa candidatura para liderar a formación popular en Ortigueira.

Acompañado polo presidente provincial, Diego Calvo, por secretario xeral dos populares na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e polo vicesecretario de organización, Gonzalo Trenor, Calvín agradeceu o respaldo recibido por todos os afiliados e incidiu na necesidade de seguir preto da xente e dos seus problemas para poder ofrecerlle as solucións que precisan.

“Grazas a todos por estar hoxe aquí e pola responsabilidade que me outorgastes. Asegúrovos que hoxe, despois deste congreso, síntome con moitas máis forzas para seguir adiante con este proxecto”, dixo Calvín, que subliñou a importancia de que toda a familia popular da comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal traballe máis preto que nunca para preparar as próximas eleccións municipais.

O novo presidente local aproveitou tamén a súa intervención para asegurar que a súa formación “xogará a gañar, a gañar con maioría absoluta”, un reto para o que conformará un equipo marcado pola “unidade, fortaleza e moitas ganas de conseguir o obxectivo”.

Neste eido, Calvín fixo fincapé na necesidade de contar cunha formación local capaz de organizarse para estar á beira dos veciños nas 22 parroquias que conforman o municipio de Ortigueira. “Temos 500 quilómetros que percorrer e moito traballo que facer durante o próximo ano, pero conto con todos vós. Hoxe poñemos a primeira pedra para que o Partido Popular volva gobernar este municipio”, afirmou.

Unha verdadeira alternativa

Pola súa banda, Diego Calvo, comezou a súa intervención felicitando a Valentín Calvín polo seu resultado e subliñando a importancia de ter un bo candidato, pero tamén a de contar cun bo equipo que os veciños sexan capaces de ver como unha verdadeira alternativa fronte ao Goberno Local.

“Non é suficiente con facer oposición, debemos ser capaces de mostrarnos como a alternativa real a un alcalde que o único que logrou é que Ortigueira perda oportunidades cada ano”, dixo o popular.

Nesta liña, o presidente provincial pediu “xenerosidade e altura de miras” a todas esas persoas que son do Partido Popular. “Ortigueira é do PP. Aí están os resultados das autonómicas -57% do voto- e aí están os resultados logrados anos atrás. Si nos unimos, si deixamos de lado as individualidades, as maiorías son posibles. Pola contra, se non o facemos xa sabedes o que ocorrerá”, dixo Calvo.

Reorganización do partido

O líder dos populares na provincia falou tamén do proceso de reorganización que sufriron os populares nos últimos meses coa chegada de Alberto Núñez Feijoo á presidencia nacional e o nomeamento de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia.

“Moitos pensaron nos últimos días que eramos a nova UCD, que está crise acabaría con nós e xa o vistes, démoslle a volta ás enquisas e saímos desta situación moito máis reforzados, demostrando que somos a única alternativa posible ao despropósito de Goberno de Pedro Sánchez e, en Galicia, xa estamos listos para seguir traballando como ata o de agora”, afirmou Calvo.

Coa maquinaria popular a punto e reorganizada, o líder do PP na provincia da Coruña avanzou que “veñen bos momentos”, en referencia á forza que demostrou a súa formación para afrontar os retos dos próximos meses. “Estamos preparados en España, en Galicia e aquí, en Ortigueira, tamén, así que debemos aproveitar a situación”, dixo.

En clave local, Calvo terminou insistindo no feito de que a súa formación non pode esperar que a xente vaia a votar si non son capaces de explicar aos veciños todo o que fixeron. “É moi importante que en Ortigueira a xente saiba o que sucede, o que estamos a facer e, sobre todo, o que podemos facer. É o momento de reunirse cos veciños, de contar as cousas e de explicalas”, concluíu o presidente popular.