O PPdeG destaca o compromiso da Xunta coa atención sanitaria en Porto do Son, que se traduce nos 600.000 euros para o novo centro de saúde que figuran nos Orzamentos de 2026

Os deputados do PPdeG Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez, acompañados polo alcalde Luis Oujo, destacaron hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da prestación sanitaria que reciben os veciños de Porto do Son, que se manifesta nos 600.000 euros que figuran nos Orzamentos autonómicos de 2026 para o novo centro de centro de saúde deste concello coruñés.

Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez, que tamén é concelleira deste municipio, salientaron que o novo centro de saúde ocupará unha superficie de 1.800 metros cadrados e permitirá aumentar sensiblemente a capacidade asistencial que na actualidade reciben os veciños de Porto do Son.

En concreto, incrementará as consultas de medicina e de enfermería que se prestan no centro actual, ademais de dispoñer de novos servizos de odontoloxía ou fisioterapia, así como áreas específicas para pediatría e atención á muller.