O PPdeG pon en valor o compromiso e apoio do Goberno galego co sector escénico e cos festivais como o FIOT

O PPdeG reivindicou o compromiso continuo do Goberno galego co sector escénico e puxo en valor o seu apoio estratéxico a citas tan consolidadas como o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que bota a andar co cartel de localidades esgotadas na meirande parte das súas representacións.

 

A deputada e voceira de cultura no Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar, e o deputado e voceiro popular en Carballo, Rubén Lorenzo, enxalzaron o éxito e a calidade deste evento que celebra a súa emblemática 35ª edición, reafirmándose como “un verdadeiro referente para os circuítos teatrais galegos” e un dos “eventos escénicos máis importantes e prestixiosos do noroeste peninsular”.

 

Os representantes populares explicaron que, detrás do gran momento de riqueza creativa, diversidade e recoñecemento profesional que viven as artes escénicas en Galicia, atópase un traballo estrutural clave do departamento de Cultura do Goberno galego. Neste sentido, cualificaron como “imprescindible” a colaboración para soster a cadea de valor do sector, desde a produción propia de calidade que lidera o Centro Dramático Galego (CDG), como buque insignia da dramaturxia, ata a exhibición descentralizada no territorio.

 

A APOSTA POLO TEATRO GALEGO

Asemade, os deputados populares incidiron en que a aposta da Xunta polo teatro galego –a través do apoio a mostras, festivais como o de Carballo e a actividade constante do CDG- non só financia proxectos, senón que “constrúe país”. Segundo apuntaron, estas liñas de traballo “garanten que a cultura escénica sexa un sector dinámico, profesionalizado e accesible, capaz de conectar a creación galega cos grandes circuítos estatais e internacionais”.

 

Finalmente, os deputados informaron de que o FIOT recibe de xeito habitual o respaldo do Goberno galego, a través das liñas de axudas públicas destinadas a festivais profesionais de artes escénicas. Na última das convocatorias, esta achega superou os 47.000 euros mediante un procedemento de concorrencia competitiva. Carmen Pomar e Rubén Lorenzo defenderon que este reforzo económico e institucional permite ao FIOT “manter un cartel de primeiro nivel internacional, potenciar a súa programación de vangarda –como o espazo OTNI ou o teatro de rúa- e consolidar iniciativas tan senlleiras e pioneiras como a xa clásica Rúa dos Contos”.