Diego Calvo presenta a Asier Polo como candidato do PP de Melide e anuncia “unha nova etapa” para o partido no municipio

O presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, presentou hoxe a Asier Polo como candidato do PP de Melide, nun acto no que anunciou o inicio dunha “nova etapa” para a formación no municipio, baseada nunha “nova enerxía, un novo equipo e un novo rumbo”.

 

Durante a súa intervención, Calvo, acompañado polo secretario xeral do PP Miguel Tellado,  destacou que a candidatura de Asier Polo representa a renovación do Partido Popular de Melide. O presidente provincial puxo en valor a súa mocidade, o seu coñecemento do municipio e da política municipal, así como a súa experiencia no traballo de campaña e no contacto directo cos veciños.

 

Esta renovación non implica esquecer a traxectoria da formación, lembrando que o Partido Popular xa gobernou Melide e coñece a responsabilidade que supón asumir a xestión municipal, tomar decisións e dar a cara ante os cidadáns.

 

 

“A xente en Melide ten demostrado vota PP  nas eleccións xerais e autonómicas e temos que facer que volva a votar PP cunha maioría suficiente para poder gobernar tamén nas municipais”, dixo Calvo.

 

Abrir, sumar, unir e escoitar 

Neste sentido, Diego Calvo defendeu a necesidade de abrir o partido a persoas que queiran participar, con independencia de que conten ou non con experiencia política. “Temos que sumar talento, ideas e ganas de traballar; unir a todos aqueles que queren que Melide avance; e escoitar máis aos veciños antes de definir os proxectos”, afirmou.

 

O presidente provincial explicou que esta nova etapa debe abandonar a mirada permanente cara ao pasado para centrarse no futuro, saír á rúa, falar coa cidadanía e volver situar o Partido Popular no centro da vida municipal de Melide.

 

Sobre Asier Polo, o presidente provincial asegurou que a súa incorporación non responde simplemente á ocupación dun posto, senón ao liderado dunha nova etapa na que se combinarán experiencia e mocidade e na que se buscará recuperar un elemento que Calvo considera imprescindible na política: a confianza.

 

Finalmente, Diego Calvo animou ao novo candidato ante o reto que ten por diante e destacou a oportunidade de abrir “unha páxina nova na historia do Partido Popular de Melide”. 

 

“Esta páxina comeza hoxe”, afirmou Calvo, resumindo o novo rumbo do PP de Melide en catro verbos: abrir, sumar, unir e escoitar.