O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, aspira a que Galicia sexa “peza fundamental e motor do cambio en España” para contribuír á vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas Eleccións Xerais do 29 de novembro. Así o manifestou na Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña, onde resaltou que xa hai data “para o cambio, para empezar a reconstruír todo o que destruíu Sánchez”. Neste sentido, pediulles aos populares coruñeses “esforzos renovados” e non dar ningunha batalla por vencida.
Así o destacou durante a reunión, que encabezou xunto ao presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e na que tamén participou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Rueda sinalou que as vitorias se constrúen “desde abaixo”. Así, animou aos populares a “xerar confianza, dar estabilidade e ser exemplo de que as cousas aquí funcionan”, pondo en valor o modelo de “estabilidade e moderación” do Goberno galego fronte aos oito anos de “caos e corrupción” do Goberno sanchista.
Para Rueda, as razóns de que Pedro Sánchez convocase agora eleccións fundaméntanse en que “non lle saíu a xogada de tapar con dous decretos trapalleiros oito anos de inacción en vivenda”. Neste punto, lembrou que o presidente do Executivo central volveu incumprir un ano máis o seu propio anuncio de presentar os Orzamentos Xerais do Estado -segue cos de 2023- e que cada día se coñecen máis detalles das diferentes tramas corruptas do Goberno.
Ademais, afea a PSdeG e BNG que este modelo de “caos e corrupción” de Sánchez sexa “o que defenden” e o que se replica en cidades como A Coruña e Santiago de Compostela. “Mentres os do NON seguen negando calquera opción de progreso, nós queremos aproveitalas todas”, apuntou.
Para o presidente do PPdeG, Galicia fai o que debería ser normal pero que, por desgraza é cada vez máis excepcional. Así, subliñou medidas do Goberno galego do PP como o plan de vivenda, xa que se están construíndo máis de 4.000 vivendas en toda a comunidade autónoma, delas son máis de 1.000 de promoción pública na Coruña. Ademais, tamén se referiu á zona tensionada da Coruña e de Santiago de Compostela, sinalando que o Goberno do PPdeG xa avisara do que pasaría con estas medidas: “un auténtico fracaso”, dixo.
Tamén puxo en valor o modelo galego de Orzamentos, xa que se presentan en tempo e forma todos os anos; ou a captación de proxectos de gran envergadura como o xigante automobilístico SAIC, sinalando que vai supoñer “un antes e un despois” para a provincia da Coruña. “Aquí en Galicia buscamos o progreso. Non poñemos obstáculos innecesarios”, engadiu. Para Rueda, o modelo galego é o dun “modelo estable, unido, con folla de ruta e con prioridades claras: a xente”.
Na reunión da Xunta Directiva tamén puxo o foco nos próximos retos electorais, sinalando que o que pase nas Xerais influirá despois nas municipais. Por iso, animou aos populares a seguir medrando nos concellos, sen renunciar a nada.
DIEGO CALVO: “O OBXECTIVO É GAÑAR CON CLARIDADE”
Pola súa banda, Diego Calvo fixo fincapé en que o vindeiro 29N os españois teñen a oportunidade de decidir o país que queren para os próximos catro anos. “Estamos ante unha cita transcendental, un momento decisivo para o futuro de España e non podemos fallar”, sinalou.
Neste sentido, mostrouse convencido de que a provincia da Coruña saberá responder e poderá poñer o seu gran de area para poñer punto e final a un Goberno marcado pola corrupción, responsable dunha confrontación política que dividiu os españois e incapaz de acadar acordos.
Por último, Calvo puxo sobre a mesa que estas eleccións son o primeiro paso para preparar as municipais de maio, e reclamou aos seus alcaldes e voceiros “máis traballo, unidade e confianza ca nunca”.