O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, non dubidou en saír hoxe ao paso da polémica xerada despois de que a alcaldesa de Cariño, Ana María López, e todo o seu grupo local –cinco concelleiros- se abstivesen na votación na que o BNG e o PSOE reclamaron retirada do nome de Manuel Fraga Iribarne dunha avenida da vila.
“É unha decisión inxustificable desde todos os puntos de vista e que non compartimos desde a dirección provincial”, afirmou Calvo, quen asegurou que non é necesario lembrar o papel fundamental que tivo Manuel Fraga como político, como presidente da Xunta de Galicia e como un dos pais da Constitución.
Despois de que a proposta saíse adiante cos votos a favor do PSOE (3) e BNG (3), o presidente provincial asegurou que a súa formación pedirá explicacións á rexedora sobre a súa postura. “Falaremos con ela para saber que sucedeu. No Partido Popular da provincia da Coruña sentímonos moi orgullosos de quen foi Manuel Fraga e de todo o seu traballo, dedicación e compromiso con Galicia”, apuntou Calvo, quen defendeu que o ex dirixente popular “merece ser recoñecido por toda a súa traxectoria”.
Nesta liña, Calvo lembrou que, ademais de toda a súa traxectoria, a Manuel Fraga aválanlle as maiorías absolutas que lle outorgaron os galegos nas urnas, un feito, dixo, que non van conseguir cambiar os votos dun pleno.