Calvo apela á “unidade” para que o PP de Ribeira logre a maioría absoluta e siga sendo un referente da política municipal

“É o momento de sumar para gañar. O momento de unirnos en torno o proxecto do noso querido Manolo Ruiz Rivas para lograr a maioría absoluta que se necesita para gobernar o Concello de Ribeira”. Así de claro e de contundente mostrouse hoxe o presidente provincial do Partido Popular, Diego Calvo, na súa intervención durante o congreso local dos populares, no que Manuel Ruiz Rivas foi elixido como presidente do PP de Ribeira co apoio do 100% dos votos.

Acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, polo secretario xeral dos populares na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e pola vicesecretaria territorial, Fabiola García, Calvo tivo palabras de agradecemento para a Ruiz Rivas polo seu traballo á fronte do consistorio da comarca de O Barbanza, á vez que se referiu ao rexedor como “un referente” a nivel político e persoal durante moitos anos.

Ao longo da súa intervención, o presidente provincial fixo un repaso de todo o vivido durante os últimos anos pola súa formación no Concello de Ribeira. “Chegar ata aquí non foi fácil, ter un goberno tantos anos foi complicado e todos sabemos que vivimos mellores e peores momentos”, afirmou o popular, quen apuntou que agora é o momento de dar o último empuxón para alcanzar a maioría absoluta nas eleccións municipais do próximo ano.

Neste sentido, Calvo asegurou que agora veñen meses duros e de moito traballo nos que, apuntou, será “fundamental” unir a toda a familia do Partido Popular ao redor dun proxecto, o de Ruiz Rivas, que demostrou, dixo, ser serio, rigoroso, gañador e coherente. “As portas da nosa formación están sempre abertas para todas as persoas que queiran sumar e que queiran traballar por Ribeira. Aquí ninguén sobra, ao contrario, somos todos moi necesarios”, subliñou.

Lonxe de quedar aquí, o líder dos populares na provincia non dubidou á hora de asegurar que a súa formación é “case invencible cando se pon a traballar unida”, e recalco a “importancia” de non permitir que outras forzas minoritarias tiren abaixo o sentir maioritario dos veciños de Ribeira.

O bo momento do PP
Calvo tamén tivo tempo para facer balance da situación que vive agora a súa formación a nivel autonómico e nacional. Sobre este punto, o presidente provincial resaltou o bo momento que atravesa o PP desde a chegada de Alberto Núñez Feijoo á presidencia nacional. “Hoxe a xente venos como unha opción seria de goberno. E non só en Galicia, tamén en Andalucía, en Estado e tamén aquí en Ribeira”, afirmou.

Para o popular, este feito ten que servir como o impulso definitivo para que Ruiz Rivas logre a maioría absoluta. “Si damos a imaxe de partido serio, con propostas, con unidade e co aval do feito ata o de agora, non teñades dúbidas de que en maio do 2023 celebraremos esa maioría aquí en Ribeira”, concluíu Calvo.