Calvo aposta por lograr en Fene unha maioría que de paso a un goberno estable e apartado de intereses partidistas

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, aproveitou a celebración do congreso local que a súa formación celebrou esta tarde no Concello de Fene para avalar a Gumersindo Galego como candidato popular á alcaldía do municipio ferrolán nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio.

Acompañado do secretario xeral do Partido Popular da provincia da Coruña, Evaristo Ben, Calvo sinalou ao recén elixido presidente local como a única persoa capacitada para conseguir que Fene recupere a “normalidade” dun concello que, na súa opinión, foi noticia nos últimos anos por “moitas cousas e ningunha delas boa”.

Neste sentido, o presidente provincial aproveitou para recalcar que os veciños de Fene non se merecen todo o que padeceron na última lexislatura. “Foi surrealista. Aquí vivimos unha moción de, polo menos dubidosa legalidade, vimos como condenaban a unha concelleira pola súa responsabilidade cando nos botaron da alcaldía, sufrimos as consecuencias dun goberno en clara descomposición, dun goberno ao que só lle importou manterse no poder”, afirmou Calvo.

Por todo isto, o líder dos populares na provincia non dubidou en asegurar que os veciños de Fene teñen que estar “cansos e avergoñados” dun executivo local que non foi capaz de cumprir coa súa responsabilidade de xestionar o municipio. “Vós padecedes máis que ninguén a falta de proxectos, de iniciativas e de axudas”, dixo Calvo, quen defendeu que esta situación non pode repetirse.

O momento do PP
Coa mente posta en lograr unha maioría que permita á súa formación gobernar sen o temor da repetición do que cualificou como “o pacto dos perdedores”, o popular afirmou que o seu partido vai a por todas na próxima cita coas urnas.

“Se queremos que Sindo volva ser alcalde necesitámosvos a todos. Necesitamos un partido unido, un partido forte, activo, un partido que estea en todos os recunchos de Fene”, reclamou Calvo quen cargou contra o “sectarismo” que, ao seu xuízo, marca as políticas do BNG.

“É o noso momento. É o momento de que Fene volva ter un Goberno que xestione, que baixe impostos, que pague as débedas e que traia investimentos. Un goberno como o que xa tivemos e ao que puxo fin un pacto que non tivo en conta o que elixiran os veciños”, concluiu o presidente popular.