Calvo pide aos veciños de Mazaricos que algunha vez votaron ao PP que se unan ao proxecto de José Manuel Caamaño para cambiar o Goberno

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, apelou hoxe ao voto de todos aqueles veciños do Concello de Mazaricos que nalgún momento elixiron a papeleta dos populares para que se unan ao proxecto que liderará José Manuel Caamaño no seu obxectivo de cambiar o Goberno Municipal na cita coas urnas do próximo 28 de maio.

Acompañado polo secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e arroupado por militantes e simpatizantes da formación local, Calvo avalou a candidatura de Caamaño a quen lle encomendou formar un equipo “forte e unido” no que, subliñou, terán cabida todas aquelas persoas que son próximas ás “sensibilidades” e “valores” que defenden os populares.

Neste sentido, Calvo aproveitou a súa intervención para incidir na importancia de recuperar a “unidade” que necesita o Partido Popular de Mazaricos. “Neste Concello a xente e maioritariamente do PP. Iso é o que demostran nas eleccións autonómicas e nas eleccións xerais e agora toca que o demostren tamén nas municipais. Temos que conseguir que eses veciños se sintan identificados co noso proxecto, un proxecto que tamén é o proxecto de Alfonso Rueda e de Alberto Núñez Feijoo”, apuntou Calvo.

Ademais de apelar á unión, o presidente provincial insistiu na necesidade de conformar equipos capaces de manter “activo” o partido, con xente que poida chegar a todos os recunchos do municipio para, apuntou Calvo, trasladar a todos e cada un dos veciños de Mazaricos a necesidade de “reconducir” un concello que, na súa opinión, leva anos de retroceso económico e social.

“Veño aquí a pedirvos que botedes unha man, que axudedes a José Manuel a poder conseguir a alcaldía de Mazaricos. Solos non o imos a conseguir, pero se o facemos entre todos, se nos implicamos todos, seguro que imos poder logralo”, dixo Calvo.

O BNG, cómplice do PSOE
Noutro orde de cousas, o popular sinalou que as municipais dentro de cinco meses son unha cita de “vital importancia”, para iniciar o “cambio político” que necesitan as nosas cidades, que necesita a Deputación da Coruña e que necesita España e os españois.

“Estamos seguros de que o bo resultado nas municipais que vai acadar o PP de Galicia suporá tamén un empurrón para que Alberto Núñez Feijóo poida ser presidente de España”, avanzou Calvo que engadiu que a formación vai traballar “con esa ilusión e ese acicate”.

O popular aproveitou tamén para acusar ao BNG de ser cómplice das políticas e das “barbaridades” aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez. “Que ninguén esqueza que detrás das decisións do PSOE en Madrid está sempre o voto do BNG. Un voto que serviu para aprobar a ‘Lei do si é si’, os indultos aos condenados de Cataluña ou para apoiar as esixencias de Bildu”, subliñou Calvo.

Sobre este asunto en concreto, o presidente provincial alertou de que ao BNG “se lle cae a careta cada vez que falan os seus dirixentes”, en relación, a que, en segundo Calvo, queren de ser unha cousa que non son. “Tentan enganar a xente, pero logo son os primeiros en falar da independencia de Galicia ou de compartir a papeleta con Bildu e eses, non o esquezades, son os mesmos que gobernan en Mazaricos”.

Pola súa banda, Caamaño, que aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo realizado polos anteriores candidatos populares Santos Maneiro, Nico Martínez e Sergio Noya, incidiu en que chega á política para buscar “o ben común” de todos os veciños de Mazaricos e recalcou o seu “sentimento de pertenza” a un municipio ao que regresa convencido de que pode achegar o seu granito de area para afrontar o futuro con máis oportunidades para todos.