Calvo promete “os mellores equipos” para liderar o cambio que necesitan as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, prometeu hoxe que a súa formación presentará nas próximas eleccións municipais aos “mellores equipos” capaces de liderar o cambio que necesitan os veciños das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

A menos de oito meses da cita coas urnas locais, e acompañado polo secretario xeral provincial, Evaristo Ben, e despois de iniciar a rolda de reunións en Carballo, Santiago de Compostela e Muros a semana pasada, Calvo insistiu na “importancia” deste tipo de encontros para manter ao partido “activo, en escoita permanente e traballando duro na confección dos mellores equipos” co obxectivo de afrontar con plenas garantías a cita coas urnas locais.

“Levamos tempo xa coa mente posta nunhas eleccións que deben ser o punto de partida do cambio político que necesita España en moitos aspectos”, asegurou o presidente popular, quen incidiu na importancia de que a súa formación ofreza aos veciños “unha alternativa estable e eficaz” nos lugares nos que non goberna e, alí nos concellos onde si o fai, reforce as súas maiorías para continuar demostrando os beneficios que se derivan dunha xestión “seria e centrada nas necesidades das persoas”.

Outra maneira de facer política
Calvo aproveitou a presenza dos representantes da súa formación no Partido Xudicial de Ferrol para reclamar “outra maneira de facer política”, dixo o popular, afastada do “sometemento” e do “maltrato” co que Pedro Sánchez castigou á provincia e a cidades como Ferrol.

“Nesta comarca xa coñecemos como as gastan os alcaldes do PSOE e os seus socios de goberno. No seu día moita pancarta, moita reclamación, pero agora que teñen responsabilidades e capacidade para cambiar as cousas, aceptan as ordes que chegan desde Madrid”, denunciou Calvo, en referencia ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ao presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso, ou á ferrolá Yolanda Díaz.

Contra todo isto, o líder dos populares na provincia apostou por ofrecer aos veciños destas comarcas alternativas que permitan “avanzar social e economicamente” a uns municipios que, do mesmo xeito que Ferrol, estanse a quedar atrás en todos os aspectos.

“Ferrol é un claro exemplo do prexudicial que pode resultar que os socialistas gobernen unha cidade, pero temos outros exemplos de nefasta xestión en Narón, Ortigueira, que vos vou a contar de Fene, pero tamén en Cabanas, Neda ou Cedeira”, concluíu Calvo.