Diego Calvo anima a “mimar” ao sector forestal do norte da provincia da Coruña

O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, visitou estes días o concello de Ortigueira nunha xornada na que reivindicou a importancia do sector forestal para todo o norte da provincia.

Acompañado polo portavoz municipal popular, Valentín Calvín, e mais de maderistas da contorna, asegurou que é fundamental “mimar” os montes galegos, pois son o lugar onde están plantados os aforros de moitos galegos e tamén un sector que, en máis dunha ocasión, “sacounos de apuros cando viñeron mal dadas”.

Do mesmo xeito, fixo un chamamento á necesidade de manter unha adecuada ordenación dos montes pois “resulta fundamental para garantir a súa xestión sustentable tanto dende o punto de vista ambiental como económico e social”, e lembrou os plans postos en marcha desde a Xunta de Galicia para asegurar un correcto aproveitamento da riqueza forestal dun xeito prolongado no tempo. Finalmente, referiuse á importancia de manter limpos terreos de cara á chegada do calor e para previr a proliferación dos lumes. “Os montes limpos non arden”, asegurou en consonancia coas opinións dos responsables dos terreos.

Durante o recorrido por Ortigueira, visitou tamén a explotación gandeira Caxigueira, especializada na cría e venda de gando vacuno de raza Blonde de Aquitania, e escoitou as demandas do seu propietario referentes á necesidade de contar cunha agrupación forte de produtores de carne para conseguir así abaratar os prezos para o consumidor final.

Primeiros días de traballo das mariscadoras
En canto ao seu encontro coas mariscadoras de Ortigueira, soubo dos seus problemas durante os meses de confinamento nos que estiveron sen poder traballar, e das súas complicacións debido ao peche da ría pola presenza de toxina. Dentro das súas demandas está a autorización que teñen solicitado para ir ás algas, algo ao que Calvo se comprometeu a realizar as xestións necesarias para saber se finalmente poderán ampliar o seu campo de traballo.

Finalmente, o presidente provincial do Partido Popular na provincia da Coruña reuniuse cos responsables de Aspromor, e interesouse polo estado dos usuarios do centro ocupacional e o centro de día durante os meses de confinamento.