Diego Calvo apela á “unión” e á “forza” de toda a familia do PP para catapultar a Fernando García Diéguez á alcaldía do Concello de Boiro

“O Partido Popular de Boiro non se pode conformar con ser a forza máis votada o próximo 28 de maio. Xa sabemos que pasará se iso ocorre. Nós temos que conseguir a maioría absoluta e imos conseguir esa maioría absoluta para recuperar a alcaldía dun concello que nunca debemos perder”. Así de contundente e de seguro mostrouse hoxe o presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, no acto de presentación de Fernando García Diéguez como cabeza de lista popular para as próximas eleccións municipais.

Acompañado polo secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e arroupado por militantes e simpatizantes da formación local, Calvo avalou a candidatura de Diéguez a quen destacou como unha “persoa que coñece os problemas e as necesidades de Boiro e preparado para confeccionar e presentar unha alternativa que termine cun goberno que se confirmou como incapaz de xestionar o municipio”.

Neste sentido, o líder dos populares fixo un pequeno repaso do que supuxo a xestión socialista nos últimos 4 anos. “Non foron capaces de presentar nin un só proxecto novo. O único que foron capaces de sacar adiante son o club de remo e o Pazo Goiáns que xa lles deixamos adxudicados no noso anterior mandato”, dixo Calvo, quen denunciou a débeda de máis de 3 millóns de euros cos provedores, á vez que criticou o feito de que a piscina municipal siga pechada e, sobre todo, a lamentable imaxe que deu un concello que non foi capaz de recuperar en todo este tempo as bandeiras azuis que perderon as súas praias.

Deberes pendentes

Calvo aproveitou tamén a súa intervención para poñer deberes aos integrantes da súa formación. Uns deberes, dixo o popular, que pasan por recuperar a “unidade” que necesita o Partido Popular de Boiro. “Se nos unimos conseguiremos a forza necesaria para catapultar a Diéguez á alcaldía, se, pola contra, dividímonos, os que gañarán serán todos os outros que están a esperar a que chegue a noite do 28 de maio para ver se son capaces de sumar para evitar que goberne o PP”, indicou.

Ademais de apelar á unión, o presidente provincial insistiu na necesidade de conformar equipos capaces de manter “activo” o partido, con xente que poida chegar a todos os recunchos do municipio para, apuntou Calvo, trasladar a todos e cada un dos veciños de Boiro a “nefasta” xestión municipal e, sobre todo, incidiu, mostren que existen outras alternativas para “reconducir” o devir do Concello de Boiro.

Seguindo con esta idea, Calvo pediulle aos seus facer unha campaña “de contacto directo, de explicarlle á xente o que quere saber: Somos un partido de goberno e con esa responsabilidade faremos a campaña, o traballo que a xente espera dun candidato que aspiran gobernar”.

Cambio de ciclo político

Noutro orde de cousas, o popular sinalou que as municipais dentro de cinco meses son unha cita de “vital importancia”, para iniciar o “cambio político” que necesitan as nosas cidades, que necesita a Deputación da Coruña e que necesita España e os españois.

“Estamos seguros de que o bo resultado nas municipais que vai acadar o PP de Galicia suporá tamén un empurrón para que Alberto Núñez Feijóo poida ser presidente de España”, avanzou Calvo que engadiu que a formación vai traballar “con esa ilusión e ese acicate”.

Por último, o popular fixo un resumo do que supuxo o ano 2022 a nivel político. Un ano, dixo que vai pechar cun mal balance polas “barbaridades” que aprobou o Goberno que permitiron, indicou Calvo, que sexan xa máis 128 os condenados por agresión sexual que se viron beneficiados pola nefasta lei do só si é si sen que goberno mova un dedo para solucionalo.

Ademais, subliñou Calvo, os últimos días serviron tamén para comprobar que existe un Goberno de dobre moral. Unha moral que lle permite apoiar o discurso que deu o Rei o pasado sábado, e outra moral coa outra se bota en brazos dos que o critican, como o BNG, ERC, Bildu ou Podemos. “A rúa sabe que o Goberno non move un dedo para derogar ou arranxar a lei do só si é si, que derogou a sedición e ten abaratado a malversación”, explicou Calvo, quen rematou que “eses socialistas son os mesmos que gobernan o futuro de Boiro neste intre”.