O portavoz de Infraestrutras do PPdeG no Parlamento e presidente popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, mostrouse hoxe contundente e moi crítico á hora de referirse ás últimas declaracións do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nas que reclamou unha rebaixa inmediata da peaxe da autoestrada AG-55.
Para o popular, o líder do PSdeG en Galicia “non ten lexitimidade para falar de peaxes e moito menos para dar leccións sobre o que ten ou non ten que facer o goberno da Xunta”, pois mentres a administración autonómica baixa ano a ano as súas tarifas, os socialistas as suben en Galicia e as rebaixan noutros territorios “aos que lles pagan favores políticos”.
Neste sentido, Calvo recordou que en Galicia, as dúas únicas autoestradas de titularidade autonómica teñen unhas das peaxes máis baratas de España e, ademais, sobre elas, o executivo galego aplica bonificacións que vén reforzando nos últimos anos con novos descontos.
“Os paripés propagandísticos que está a realizar o señor Caballero para facerse valer dentro do seu partido teñen o percorrido que teñen. Hai tempo que os galegos saben perfectamente que o líder do PSdeG non ten nin peso político, nin influencia na súa formación e o único que lle queda é pedir e reclamar cousas sen sentido”, subliñou Calvo, que se pregunta tamén cando vai saír a pedir solucións aos efectos que terá a aprobación da Lei do Cambio Climático en moitas empresas de Galicia.
En concreto, sobre a peaxe da AG-55, o portavoz de Infraestruturas lembrou que nesta autovía aplícanse, desde o ano 2010, bonificacións para os usuarios recorrentes e, desde o ano 2019, bonificacións en horario nocturno. Ademais, dixo, a Xunta xa ten trasladado que este verán implantará novas bonificacións para as familias numerosas.
“Se hai alguén aínda no PSdeG que respecte un pouco ao señor Caballero, faría ben en dicirlle que deixe de facer o rídiculo e, de paso, lle diga que a AP-9 é a autoestrada de titularidade estatal onde máis soben as peaxes de toda España e que as bonificacións comprometidas desde outubro polo Goberno socialista de Pedro Sánchez non acaban de chegar”, apuntou Calvo, á vez que pediu ao líder socialista que non engane aos galegos, pois é o seu propio partido o que retrasa constantemente a transferencia de esta vía á comunidade autónoma.
Inexplicable
Para Calvo resulta inexplicable que o responsable do Partido Socialista en Galicia lle pida aos galegos que sigan cargando co agravio que supoñen as peaxes da AP-9 en lugar de pedirlle aos seus compañeiros de partido no Goberno de España que lle poñan freo a unha situación da que son responsables.
“É bochornoso, como xa temos escoitado de boca do señor Caballero, que lle demande á Xunta que destine recursos do orzamento autonómico, do orzamento que sustenta o funcionamento da sanidade e a educación públicas, dos cartos de todos os galegos, ás bonificacións dunha autoestrada de titularidade estatal”, dixo o líder dos populares na provincia.
Calvo aproveitou tamén para incidir na idea de que mentres as demais autoestradas do Estado baixan e as autoestradas que dependen da Xunta tamén baixaron ou mantiveron estables as súas tarifas, a AP-9 volveu subir.
“O que ten que facer o señor Caballero é reclamarlle ao Goberno de España que cumpra os seus compromisos coa AP-9”, dixo o popular, quen concluíu engadindo que, mentres o líder do PSdeG non faga iso, “o que ten que facer é non seguir enganado máis aos galegos” e, sobre todo, non atreverse a “dar leccións sobre o prezo das peaxes”.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742