Diego Calvo asegura que o PP fará que A Coruña volva ser o “motor” dunha área metropolitana con “gobernos xa caducos”

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, mostrouse convencido hoxe de que a súa formación será capaz de que a cidade de A Coruña volva ser o “motor” dunha área metropolita na que asegurou que existen gobernos locais como o de Culleredo, Oleiros, Cambre ou Carral xa “caducos”.

A menos de oito meses das eleccións municipais, acompañado polo secretario xeral provincial, Evaristo Ben, e despois de iniciar a rolda de reunións en Carballo, Santiago de Compostela e Muros a semana pasada, Calvo insistiu na “importancia” deste tipo de encontros para manter ao partido “activo, en escoita permanente e traballando duro na confección dos mellores equipos” co obxectivo de afrontar con plenas garantías a cita coas urnas locais.

“Levamos tempo xa coa mente posta nunhas eleccións que deben ser o punto de partida do cambio político que necesita España en moito aspectos”, asegurou o presidente popular, quen incidiu na importancia de que a súa formación ofreza aos veciños “unha alternativa estable e eficaz” nos lugares nos que non goberna e, alí nos concellos onde si o fai, reforce as súas maiorías para continuar demostrando os beneficios que se derivan dunha xestión “seria e centrada nas necesidades das persoas”.

Outra maneira de facer política
Calvo aproveitou a presenza dos representantes da súa formación no Partido Xudicial de A Coruña e de Betanzos para reclamar “outra maneira de facer política”, dixo o popular, afastada do “sometemento” e do “maltrato” co que, na súa opinión, Pedro Sánchez castigou á provincia, á área metropolitana e a cidade de A Coruña nos últimos Orzamentos Xerais do Estado (PGE).

“Necesitamos alcaldes que deixen de lado as siglas e prioricen aos seus veciños. Candidatos que se revelen contra o trato discriminatorio do Goberno Central e que teñan como obxectivo mellorar os seus municipios”, explicou Calvo, en referencia á rexedora coruñesa, Inés Rey, ao alcalde de Culleredo ou ao presidente da Deputación de A Coruña Valentín González.

Para alcanzar este obxectivo, o líder dos populares na provincia da Coruña asegurou que a súa formación presentará alternativas “sólidas, solventes e fiables” en todos e cada un dos municipios do Partido Xudicial de A Coruña e de Betanzos.

 

“Alí onde gobernamos, os veciños xa saben que os alcaldes do PP son unha aposta segura e, nos municipios onde aínda non o facemos, comprobarán nos próximos meses todo o que podemos ofrecer para cambiar as cousas”, concluíu Calvo.