Diego Calvo avanza que o PP “botará o resto” para que o futuro de Oleiros non estea atado aos intereses persoais de ninguén

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, avanzou hoxe que a súa formación “botará o resto” para que o futuro de Oleiros non estea atado aos intereses persoais de ninguén despois das eleccións municipais que terán lugar a finais do próximo mes de maio.

Acompañado polo secretario xeral dos populares na provincial, Evaristo Ben, Calvo aproveitou a súa presenza no congreso no que a súa formación elixiu a Jesús María Fernández Rosende, ‘Tuto’, como presidente local, para incidir en que o Partido Popuar de Oleiros “sairá a por todas” na próxima cita coas urnas, e deixou claro o acto desta mañá é o punto de partida dun camiño no que os populares contarán cun “equipo de total garantías”.

“É momento de pasar páxina. Os veciños de Oleiros merecen que o seu municipio sexa coñecido por tratar a todas as persoas de forma igual, con independencia da parroquia na que vivan ou do Partido ao que voten”, apuntou Calvo, quen criticou o “talante ditatorial” do goberno local encabezado por Ángel García Seoane.

Neste sentido, o líder dos populares lembrou os actos de censura protagonizados polo rexedor nos plenos, as campañas publicitarias levadas a cabo con medios municipais e a falta de transparencia na xestión do concello.

“Son comportamentos que non teñen cabida xa en pleno século XXI e máis própios de réximes totalitarios que tanto lle gustan ao señor García Seoane que de sociedades avanzadas”, lamentou Calvo.

Un proxecto de futuro

Fronte a este panorama, o popular subliñou que a súa formación ofrecerá un “proxecto de futuro” para mellorar a vida de todos os veciños de Oleiros. Un proxecto, avanzou, que deixe de lado os enfrontamentos con todas as administracións, un proxecto baseado na colaboración, no diálogo, un proxecto que logre investimentos e que dote ao municipio de todos os servizos que necesita.

“Que ninguén dubide de que presentaremos unha alternativa seria, capaz de xestionar e con plans ambiciosos e á vez realistas”, asegurou Calvo, quen agradeceu o traballo realizado ata a data polo novo presidente local e por todo o seu grupo de colaboradores para denunciar o que sucede en Oleiros e facer fronte a un rexedor afeito a ameazar a todos os que lle fan fronte no día a día.

A pouco máis de seis meses para a celebración das eleccións municipais, o líder dos populares subliñou que agora toca traballar máis que nunca, pisar a rúa, aunar esforzos e abrir a porta da formación a todos os que queiran traballar polo futuro de Oleiros.

Sobre este asunto, Calvo indicou que o congreso local debe servir para “fortalecer aínda máis” ao Partido Popular de Oleiros, que contará cun cabeza de lista electoral que reúna o consenso de toda a formación para poñerse mans á obra no obxectivo final de dar “un golpe na mesa” no próximo mes de maio.

Pola súa banda, Jesús María Fernández Rosende, que agradeceu o compromiso e o esforzo mostrado por Diego Calvo, aproveitou o seu discurso para facer un repaso de todo o traballo realizado ata a data desde o Partido Popular de Oleiros en canto a reunions con veciños, presenza nos medios de comunicación e diferentes actividades, e comprometeuse a “seguir sumando persoas á causa para crecer en presenza na rúa de aquí ao próximo mes de maio”.