Reelixido presidente do Partido Popular da provincia da Coruña o pasado mes de setembro, Diego Calvo aproveitou o seu discurso para incidir en aspectos que serían fundamentais para que a súa formación conseguise seguir crecendo a nivel electoral nas próximas citas coas urnas.
Unha delas pasaba por seguir escoitando de preto ás bases do partido para ensanchar unha formación que o presidente provincial quere facer chegar a todos e cada un dos recunchos dos 93 municipios da provincia.
Pasadas unhas semanas, e coa maquinaria xa a punto, Calvo non quixo esperar máis para arrincar os motores dunha formación que ten como obxectivo máis próximo recuperar o goberno das tres grandes cidades e, ademais, volver á presidencia da Deputación da Coruña.
Con todos estes retos en mente, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral provincial, Evaristo Ben, e mais o responsable de organización, Gonzalo Trenor, retomou nas últimas semanas unha nova rolda de comarcais polos concellos de Ordes, Boqueixón, Mugardos, Noia, Oleiros, Malpica e Betanzos que lle levaron a reunirse con alcaldes, portavoces, militantes e simpatizantes do Partido Popular.
En todos estes encontros, o dirixente provincial aproveitou para fixar a mente xa nas municipais do ano 2023, unha cita, dixo, que pode parecer moi afastada no calendario, pero que, canto a traballo, está xa en marcha. “Toca poñerse o mono de traballo unha vez máis. Agora é o momento de incidir máis que nunca en estar á beira dos nosos veciños, escoitalos, acercarnos aos seus problemas e tratar de coñecer o que demandan de nós”, dixo Calvo.
Ensanchar o partido na base
Neste sentido, o presidente provincial parouse na “necesidade” de continuar ensanchando o partido desde as bases para o que, dixo, é “fundamental” abrir as portas a todas aquelas persoas que teñan algo que achegar. “Aquí non sobra ninguén e son importantes todos os que veñan sumar. Sabemos o peso que ten a nosa formación na provincia, pero temos que aspirar a chegar cada vez a máis xente, persoas que están descontentas e que buscan unha alternativa que poden atopar en nós”, indicou.
Con máis ganas de gañar que nunca, e “orgulloso” de pertencer á familia dos populares, Calvo volveu cargar contra un Pedro Sánchez ao que responsabilizou da grave situación económica e social que atravesa España, e ao que culpou dos constantes malos tratos que sofre a provincia da Coruña. “Mentres sube a luz, mentres as nosas industrias cerran e mentres vemos como outras comunidades repártense os fondos co único argumento de manter a Sánchez na Moncloa, aquí nós temos que poñernos a traballar para terminar con este trato desde cada un dos nosos municipios”, apuntou.
Ofrecer solucións
Calvo tivo tempo tamén para explicar que o que a sociedade esixe nestes momentos. “Pídennos que sexamos un partido forte, unido, que lles axudemos unha vez máis nun momento difícil e que nos poñamos á fronte da recuperación”, subliñou o presidente popular, quen engadiu que, “pídennos que fagamos todo iso e que o fagamos unidos e ofrecéndolles solucións”.
Por último, o líder dos populares na provincia aproveitou para dar as grazas a todos e cada un dos presentes nas reunións polo traballo que realizan, á vez que lles pediu un novo esforzo. “Sei que é duro, que en moitos casos mesmo ingrato, pero temos nas nosas mans reverter esta situación”, subliñou, para concluír incidindo en que “entre todos imos conseguir os obxectivos que nos marcamos”.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742