Diego Calvo defende que o orzamento da Xunta mostra o seu compromiso coa Coruña fronte ao maltrato de Sánchez

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña e deputado no Parlamento de Galicia, Diego Calvo, defendeu hoxe que o orzamento aprobado pola Xunta de Galicia permitirá “blindar” os compromisos que o Goberno galego mantén coa Coruña en materia de gasto social, investimentos e infraestruturas.

 

Coñecidas as partidas que irán destinadas aos diferentes municipios da provincia, Calvo mostrouse “orgulloso” dunhas contas que, na súa opinión, contrapoñen dúas maneiras diferentes de entender a política. “Por unha banda temos a un Goberno central que sobe impostos e por outro a un executivo autonómico que rebaixa a carga fiscal, reforza as partidas en investimento e que permite que os galegos poidan chegar mellor a fin de mes”, dixo.

 

Nesta liña, Calvo insistiu en que a Xunta de Galicia aposta novamente por diminuír o IRPF para as rendas medias e baixas, unha circunstancia da que se beneficiarán máis do 90% dos contribuíntes. “Mantemos tamén as rebaixas no Imposto de Sucesións; os tipos reducidos de ITP para os colectivos prioritarios; e o Programa Impostos 0 no rural”, explicou.

 

“Galicia demostra que non vai ser parte nin cómplice das subidas do custo da vida que provoca o Goberno central: pago de peaxes, subida de impostos, gasolina, luz, eléctricas…”, dixo Calvo, quen defendeu que o goberno da Xunta leva anos poñendo sobre a mesa “outra maneira de facer política pensando no benestar dos cidadáns”.

 

Actuacións importantes na Coruña

No que fai referencia á partida de investimentos en materia de infraestruturas, Calvo asegurou que as contas autonómicas permitirán seguir adiante con importantes proxectos xa iniciados e incluír outro novos. No primeiro apartado, o popular detívose nos 4 millóns de euros que permitirán licitar e iniciar as obras da futura estación Intermodal da cidade da Coruña. “Esperemos que, dunha vez por todas, podamos deixar atrás os anos nos que esta obra se detivo por culpa do goberno municipal da Marea e tamén dos socialistas”, dixo Calvo, quen incidiu en que, “non podemos esquecer que Vigo, Ourense e Santiago xa contan con esta infraestrutura mentres que na Coruña imos demasiado lentos por culpa sos retrasos e os atrancos que poñen desde María Pita”.

 

Por outra banda, o deputado popular subliñou que o orzamento autonómico “aposta un ano máis” pola conexión da Vía Ártabra coa AP-9 á espera, explicou, de que o Goberno Central determine si pódese levar ou non acabo esta actuación e cales son as súas condicións: “O Ministerio parece máis preocupado en recadar cartos coa implantación de peaxes nas súas autovías que de mellorar á vida dos galegos. A Xunta podería estar parada na Vía Ártabra á espera de autorización do Ministerio e, moi ao contrario, o que fai é investir máis para avanzar nas obras”.

 

Calvo tivo tempo tamén para destacar os 20 millóns de euros -1,7 para neste ano- comprometidos pola Xunta de Galicia para levar a cabo a transformación da fachada marítima da cidade da Coruña, unha partida, dixo, que axudará a paliar a delicada situación na que se atopa o Porto da Coruña por motivo do financiamento do peirao de Langosteira. “Outra mostra máis de que a Xunta cumpre cos seus compromisos e dá un paso importantísimo para a transformación da fachada marítima da cidade”, engadiu.

 

O presidente provincial non quixo esquecerse tampouco dos 9 millóns de euros comprometidos para seguir adiante coa fase 0 do novo CHUAC, á espera, indicou, de que o Goberno Municipal leve a cabo os trámites necesarios para poder comezar co resto de fases.

 

“Que nestes tempos de incerteza política vexamos un Goberno autonómico forte, valente e decidido a investir é unha boa nova para todos os galegos”, concluíu Calvo, que insistiu na importancia dos investimentos nun orzamento “que xa non é o da recuperación, senón o da reactivación económica”.