Diego Calvo destaca a importancia de contar con gobernos estables para afrontar a reactivación económica

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, aproveitou a xunta directiva celebrada esta tarde, na que a súa formación reuniu de maneira telemática a alcaldes, portavoces e militantes populares, para destacar a “importancia” de contar “máis que nunca” con gobernos estables á fronte das administracións como “alicerce fundamental para lograr a reactivación económica” que necesitan todas as comunidades.

Nun encontro no que participaron o vicesecretario nacional de Política Territorial, Antonio González Terol, e secretario xeral do Partido Popular en Galicia, Miguel Tellado, Diego Calvo puxo o foco no “papel de servizo público” que deben desempeñar neste momento todas e cada unha das administracións. “Nestes tempos de grave crise sanitaria, social e económica necesitamos gobernos estables. Temos que centrarnos no urxente: superar a pandemia, apoiar aos sectores afectados e avanzar na recuperación. É o que esperan e o que necesitan os nosos veciños”, asegurou.

Nesta idea, Diego Calvo encomiou o papel desempeñado polos rexedores populares durante a pandemia. “Quero aproveitar para agradecer aos alcaldes o seu esforzo desde o primeiro día ata hoxe. Eles foron os primeiros en estar á beira dos seus veciños, escoitando os seus problemas, buscando solucións e, en moitos casos, expóndose sen saber moi ben que consecuencias tería para eles toda esta situación”, dixo.

O presidente popular tamén se detivo durante o seu discurso no compromiso demostrado en cada un dos portavoces do seu partido. “Persoas que, lonxe de querer aproveitar esta grave situación sanitaria e económica para sacar réditos políticos, arrimaron o ombreiro, tenderon a man aos gobernos municipais e achegaron o seu granito de area en todo o que foi e é necesario”, subliñou Calvo.

Reactivación económica
Á marxe do esforzo e de todo o conseguido ata o de agora na loita contra as consecuencias provocadas polo Covid-19, o mandatario dos populares na provincia da Coruña quixo ir máis aló ao falar de que “agardamos que unha vez superados os peores momentos sanitarios da pandemia, o certo é que nos toca poñer en marcha outra vez todos os sectores económicos que se viron afectados e que son fundamentais para tantas e tantas familias”.

Neste apartado, o popular destacou os dous plans de recuperación que a Xunta de Galicia puxo en marcha para axudar á hostalería, aos pequenos comerciantes e aos autónomos. Axudas, que como dixo Calvo, alcanzan xa os 125 millóns de euros entre as dúas convocatorias.

“Mentres que a outros se lles enche a boca con anuncios e promesas, o noso goberno autonómico, presidido por Alberto Núñez Feijoo, sempre está á fronte, xestionando e poñendo os recursos económicos que temos ao alcance dos que máis o necesitan agora”, indicou Calvo.

Neste asunto, o líder provincial incidiu na idea de que os alcaldes populares deben ser, “unha vez máis, exemplo de liderado” á hora de deseñar e propor plans que permitan reactivar a economía local de cada un dos seus municipios para, subliñou, que “ningún veciño quede atrás nun momento tan complicado como o que nos tocou vivir”.

Por último, Calvo non quixo terminar a súa intervención sen referirse a “importancia” de manter activa todas as formacións populares que o seu partido ten repartidas polos 93 concellos da provincia. “Son consciente de que son tempos difíciles, son consciente de que vos pido un esforzo extra, pero tamén son consciente de que todos os que conformamos a familia do Partido Popular da Coruña somos capaces diso e de moito máis para axudar aos nosos veciños e á nosa xente”, concluíu.