Diego Calvo di que non hai mellor candidata para Muxía que alguén a quen “lle doa e a quen sinta tanto o concello como Sandra Vilela”

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, avalou esta tarde a Sandra Vilela como cabeza de lista da formación popular no Concello de Muxia nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo 28 de maio.

Acompañado polo secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e arroupado por militantes e simpatizantes da formación local, Calvo referiuse a Sandra Vilela como a mellor candidata que poden ter os veciños de Muxía. “Fales con quen fales, todo o mundo coincide nun idea, pouca xente sente e quere a este concello como Sandra”, dixo Calvo.

Neste sentido, o líder dos populares subliñou que ese “amor por Muxía” nótase en todas e cada unha das cousas que a candidata popular leva a cabo no seu día a día e na súa labor como voceira municipal. “Desde que se levanta ata que se mete en cama, dá igual que estea no Concello que co seu traballo á fronte da súa empresa, na cabeza de Sandra están sempre os veciños, os seus problemas e como facer para solucionalos”, apuntou Calvo.

Por este motivo, o presidente popular incidiu en que á cabeza de lista da súa formación non é necesario presentala. “O único que podemos facer é agradecerlle o todo o que leva feito por Muxía, polo noso partido e, o máis importante, todo o que estou seguro que lle queda por facer cando sexa alcaldesa”, indicou.

Desgoberno local
Calvo aproveitou a súa intervención para facer un balance da situación que vive e ten vivido o Concello de Muxía durante os últimos catro anos. “Todos sabemos, porque así se encargou de poñelo sobre a mesa Sandra, que a situación do alcalde é de debilidade total”, explicou o popular, quen lembrou que ao rexedor o foron abandonando os concelleiros do seu propio partido.

“Os veciños de Muxía saben que se non é polo Partido Popular quedan sen o investimento de POS da Deputación que lles corresponde, pero, por desgraza, non podemos solucionar todos os problemas que se xeran do caos que vive o goberno local”, lembrou Calvo, en alusión a que a división do executivo local por este asunto solucionouse grazas á abstención da súa formación no pleno.

Por este motivo, e como dixo Calvo, polo abandono das parroquias, polo deixamento na promoción turística, pola falta de proxectos económicos para impulsar o emprego local e polas escaseza de servizos, o próximo 28 de maio, “Muxía necesita un cambio de rumbo na súa política, necesita aglutinar o voto ao redor de Sandra para non ter que depender, unha vez máis, de pactos que xa se viu como terminan”.

Unha alternativa seria
Pola súa banda, Sandra Vilela, que agradeceu as palabras do presidente provincial, e a confianza na súa persoa, comprometeuse a “seguir co traballo que levamos facendo estes anos co mesmo compromiso, a mesma humildade e a mesma lealdade que sempre tivemos porque non coñezo outra maneira de facer política local”.

Neste obxectivo, a candidata popular mostrouse convencida de que, desde a “unidade de todos veciños de Muxía”, a súa formación presentará unha “alternativa o suficientemente atractiva” para contar co apoio necesario para que o concello cambie e tome a “dirección correcta” que tanto necesita e así poder mellorar as parroquias do rural, o centro do municipio e a “nefasta” xestión económica.

“O Partido Popular de Muxía só cree nun pacto: o pacto con todos veciños que aspiran a que Muxía recupere o lugar na comarca que nunca debeu perder”, dixo a popular, quen engadiu que, o resto de acordos, son, como se demostrou, pactos que só benefician ao interese duns poucos ao que, na súa opinión, o único que lles interesa é salvagardar o seu beneficio con independencia de que o concello siga en declive.