O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, aproveitou o ecuador do mandato dos gobernos locais para facer hoxe balance da xestión levada a cabo polos diferentes executivos municipais nos concellos coruñeses.
“A análise é sinxela, mentres os alcaldes e as alcaldesas do PP dedícanse a xestionar, a sacar adiante un proxecto político sólido, baseado no rigor e na seriedade, medio millón de coruñeses padecen as consecuencias da falta de xestión e da confrontación constante das coalicións formadas por socialistas e nacionalistas”, afirmou Calvo.
Transcorridos dous anos das eleccións municipais que outorgaron 30 maiorías absolutas aos populares, para un total de 39 alcaldías –as últimas Outes e Cambre-, o líder do PP na provincia asegura que todo este tempo serviu para confirmar que, mentres o PSOE e o BNG seguen antepoñendo os seus intereses partidistas e o seu ideario ao benestar dos veciños, a súa formación ten a mirada e os obxectivos postos en seguir traballando e consolidando os municipios nos que xa están a gobernar, pero tamén en lograr que o seu proxecto sexa o elixido polos veciños e veciñas daqueloutros nos que non.
“Aqueles que chegaron prometendo estabilidade e xestión, confirmáronse como todo o contrario e os seus gobernos, a metade de mandato, caracterízanse polas promesas incumpridas, pola falta de xestión, pola ausencia de liderados e polos continuos problemas internos entre as coalicións mal chamadas progresistas”, subliñou Calvo, quen incidiu en que o único obxectivo no seu día destes pactos era impedir que gobernase o PP.
As tres grandes cidades
Neste sentido, o presidente provincial do PP na provincia fixo unha comparación da situación que viven as tres grandes cidades da provincia. Por unha banda, dixo, temos o exemplo de Ferrol, onde, na súa opinión, José Manuel Rey Varela foi capaz de deixar atrás anos de bloques, enfrontamentos entre partidos e críticas permanentes, para dar paso a un goberno “estable, unido, con capacidade de xestión e liderado”.
Todo o contrario do que sucede na Coruña, onde, apuntou Calvo, Inés Rey, “renunciou a xestionar a cidade” e vive de proxectos que lideran outras administracións como a Xunta de Galicia –Novo Chuac, Intermodal- ou a Autoridade Portuaria. “Estamos ante un final de ciclo, dunha alcaldesa esgotada, que vive ao día porque non ten proxecto para o futuro da cidade”, critico o popular.
Se a situación da Coruña é “grave”, apuntou Calvo, o que sucede en Santiago é unha auténtica “traxedia” para os veciños. “Os santiagueses non se merecen un Goberno en descomposición total tras a crise dos concelleiros do PSOE. Cunha alcaldesa desnortada, enfrontada con todas as administracións e gobernando en minoría absoluta”, lamentou.
Lonxe de quedarse coa análises das tres urbes, Calvo asegurou que os exemplos de “desgoberno e inestabilidade” esténdense a outros lugares como Ribeira, Culleredo, Betanzos, Narón, Fisterra, Muros, Touro ou Carral. Nestes municipios, afirmou o popular, é fácil ver como os alcaldes son capaces de perder 275.000 euros de fondos europeos como sucede en Ribeira, non se poñen de acordo para sacar adiante un orzamento en Culleredo ou os veciños ven como ao final ten que ser o PP o que salve os fondos do Plan Único da Deputación como pasou en Fisterra.
“Son só algúns exemplos do despropósito das alianzas de socialistas e nacionalistas”, dixo Calvo, quen subliñou que, noutros municipios como Outes ou Cambre, tiveron que chegar os populares recentemente para “poñer orde en dous concellos nos que reinaba o máis absoluto caos de Goberno”.
Desidia e incompetencia na Deputación
Pola súa banda, o secretario xeral dos populares na provincia da Coruña e voceira do grupo do PP na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, aproveitou tamén o ecuador do mandato de Valentín González Formoso e do BNG á fronte da institución provincial para cargar contra unha xestión marcada “pola incompetencia e pola desidia” que, na súa opinión, tratan de disimular con accións propagandísticas.
“Temos un goberno bipartito que non executa o seu orzamento, que non establece plans específicos para axudar aos concellos, que non cumpre cos parámetros de eficiencia e sustentabilidade económica que marca a lei, que non planifica actuacións estratéxicas e que non racionaliza o gasto público da subvencións ás entidades”, denunciou Ben.
En definitiva, indicou o voceiro popular, a veciñanza da provincia sofre as consecuencias dun Goberno provincial “esporádico e ocasional”, que se limita a aprobar expedientes administrativos regrados e tramitados polos funcionarios. “Lonxe de mellorar, estes dous anos serviron para confirmar que este mandato é a continuidade dos oito anos anteriores, coa existencia dunha administración provincial que carece dun goberno provincial” concluíu Ben.