Diego Calvo inicia a súa campaña para dar a coñecer o seu proxecto á fronte da dirección provincial do PP coruñés

O candidato a presidir a dirección do Partido Popular da Provincia da Coruña, Diego Calvo, inicia hoxe no Concello de Muxía unha serie de actos cos que percorrer ata o próximo 13 de setembro diferentes municipios das comarcas coruñesas, nunha campaña coa que o dirixente popular pretende reunirse con alcaldes, portavoces e simpatizantes da súa formación para facerlles chegar o que será o seu proxecto á fronte do partido durante os próximos anos.

 

A pouco menos dun mes para a celebración do Congreso Provincial que terá lugar na Coruña o próximo 25 de setembro, Calvo pretende con esta campaña reforzar o contacto directo e estreito coas bases do seu partido para, en primeiro lugar, agradecer o apoio recibido a través dos avais á súa candidatura e, en segundo lugar, establecer as liñas mestras coas que os populares deberán facer fronte aos importantes retos dos próximos meses.

 

Consciente da importancia de aglutinar ao maior número de persoas e de sensibilidades para reforzar aínda máis o seu proxecto á fronte da dirección popular, o ata de agora presidente provincial presentará un proxecto integrador, próximo e aberto co obxectivo de, xa non só manter os grandes resultados cultivados nas últimas citas electorais autonómicas e xerais, senón coa vista posta en incrementar o número de apoios para as próximas municipais.

 

O obxectivo das municipais

Neste sentido, o dirixente popular volveu a recalcar a importancia de que a súa formación poda afrontar a cita electoral local mellor preparada que nunca para, entre outras cousas, recuperar os gobernos das tres grandes cidades da provincia –A Coruña, Santiago e Ferrol- e, ademais, incremente o seu peso provincial para acceder á presidencia da Deputación da Coruña.

 

Para todo iso, Calvo incidirá durante estas semanas en que todas e cada unha das formacións municipais traballen para incorporar aos diferentes proxectos locais a aquelas persoas que poidan sumar sensibilidades coas que reforzar os diferentes partidos nun reto que o popular cualifica de clave para o futuro do partido na provincia.

 

Coa idea de abrir as portas e de xuntar a todos aqueles que queran unirse á familia popular, Calvo está convencido de que os próximos meses, nos que tamén se celebrarán congresos locais, serán determinantes para cambiar o rumbo de moitos municipios que, do mesmo xeito que está a acontecer no resto do territorio español, están a darse conta de que o Partido Popular é a solución á mala xestión do seus respectivos goberno actuais.

 

Tras a cita de hoxe en Muxía, o líder popular visitará mañá Carballo e cerrará as reunións desta semana cun acto no Concello de Abegondo este xoves.