Diego Calvo: “O PP terá aos mellores candidatos para contrarrestar os efectos da nefasta política do Goberno”

O presidente do Partido Popular na provincia de A Coruña, Diego Calvo, asegurou hoxe que a súa formación presentará aos mellores candidatos e grandes equipos para afrontar con garantías as eleccións municipais do próximo mes de maio, unha cita que cualificou como o punto de partida do que será, dixo, o “cambio político” que necesita a provincia, Galicia e España e que continuará coas xerais do 2023.

Durante a xunta directiva provincial celebrada esta tarde, e acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo seu homónimo na provincia, Evaristo Ben, Calvo puxo sobre a mesa que na cita coas urnas locais os cidadáns terán que elixir entre a “nefasta e errática” política de Pedro Sánchez e os seus socios de goberno e os gobernos “sólidos, con liderado e con propostas pensadas para mellorar a vida dos cidadáns” representados no Partido Popular.

Neste sentido, o líder dos populares na provincia destacou o importante papel que xogarán os 93 candidatos que a súa formación irá dando a coñecer antes de que termine o 2022.

“Eles serán os encargados de estar na rúa preto da xente, de manter o partido vivo, de dar a coñecer propostas, as propostas do Partido Popular de Galicia, que permitan paliar as graves consecuencias provocadas polas políticas socialistas de Pedro Sánchez e, sobre todo, de convencer aos veciños de que existe unha alternativa chamada ao mal goberno”, defendeu.

Gobernos do PP
Sobre este punto, Calvo insistiu nas medidas presentadas onte polo presidente da Xunta de Galicia e que afectan á rebaixa do IRPF ás rendas de menos de 35.000 euros, así como ás axudas dirixidas aos máis novos para a compra dunha casa ou os 50 millóns anunciados polo Goberno Autonómico para o coidado das persoas maiores. Citou todas estas iniciativas só como algúns dos exemplos dos beneficios que supón contar con gobernos liderados polo PP.

“Estamos nun momento clave e duro para as familias e, como tal, debemos actuar con responsabilidade axudando aos cidadáns, baixando impostos e tomando medidas que permitan contrarrestar a subida do IPC e o incremento do custo da vida provocado por un Goberno Central cada día máis afastado da realidade da xente”, asegurou Calvo, quen subliñou que ese será o obxectivo de todos e cada un dos candidatos que presente a súa formación nas próximas municipais.

Máis maiorías
Por outra banda, o presidente provincial aproveitou tamén para fixar os obxectivos cos que a súa formación afronta a próxima cita coas urnas nas que, entre outras cousas, os populares confían en recuperar o goberno da Deputación da Coruña.

“O noso obxectivo non pode ser outro que o de saír a gañar en todos os municipios. Queremos consolidar as alcaldías que temos, conseguir outras nas que nos quedamos a poucos votos e recuperar a Deputación da Coruña”, apuntou Calvo.

Para alcanzar ese reto, o popular asegurou que será necesario, ademais de aproveitar a crispación provocada polo Goberno Central, que os seus candidatos sexan capaces de demostrar que existe unha alternativa que pasa por “baixar impostos, devolver o poder adquisitivo ás familias, axudar a empresas e autónomos e poñerse a gobernar de maneira seria, eficaz e cun único obxectivo: o benestar xeral dos cidadáns”.