Diego Calvo pon á comarca do Barbanza como exemplo da “boa política” que practican os alcaldes do Partido Popular

“Lousame, Muros, Noia, Porto do Son e Ribeira son exemplos de boa xestión, son grandes exemplos do que debe ser un Goberno Local, do que supón contar con alcaldes e alcaldesas que están preto da xente e preocupados polas necesidades dos seus veciños”. Así de contundente mostrouse hoxe o presidente do Partido Popular na provincia de A Coruña, Diego Calvo, durante a reunión mantida en Muros cos responsables da súa formación no Partido Xudicial da comarca do Barbanza.

A menos de oito meses das eleccións municipais, acompañado polo secretario xeral provincial, Evaristo Ben, e despois de iniciar a ronda de reunións esta semana en Carballo e en Santiago de Compostela, Calvo insistiu na “importancia” deste tipo de encontros para manter ao partido “activo, en escoita permanente e traballando duro na confección dos mellores equipos” co obxectivo de afrontar con plenas garantías a cita coas urnas locais.

“Levamos tempo xa coa mente posta nunhas eleccións que deben ser o punto de partida do cambio político que necesita España en moito aspectos”, asegurou o presidente popular, quen incidiu na importancia de que a súa formación ofreza aos veciños “unha alternativa estable e eficaz” nos lugares nos que non goberna e, alí nos concellos onde si o fai, reforce as súas maiorías para continuar demostrando os beneficios que se derivan dunha xestión “seria e centrada nas necesidades das persoas”.

Un partido no que confiar
Calvo aproveitou a presenza dos alcaldes que o Partido Popular ten nesta comarca para resaltar o bo traballo que están a facer dende fai moito tempo. “Os nosos alcaldes de O Barbanza son xente de fiar. Son persoas centras no día a día dos seus concellos e que están avaladas pola súa boa xestión. Aquí ninguén fala de experimentos, falamos de realidades e de proxectos que teñen un respaldo real ”, asegurou.

Neste sentido, o líder dos populares subliñou que a súa formación aspira, non só consolidar as maiorías coas que xa conta, senón que buscará ser a forza maioritaria no resto de municipios. “Se facemos as cousas ben, se traballamos duro estes meses e se estamos preto da xente propondo e ofrecendo unha alternativa real podemos lograr ser a forza maioritaria en todos os municipios, recuperar alcaldías como a de Outes e Boiro e aspirar a gobernar noutros concellos, concluíu Calvo.