Diego Calvo pon en valor os compromisos adquiridos pola Xunta para a ampliación do polígono de Bértoa

O presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, reuniuse esta mañá con membros da directiva da comunidade de propietarios do polígono de Bértoa, en Carballo.

Durante o encontro, no que abordaron as perspectivas de traballo tras o parón provocado pola crise do coronavirus, Calvo, acompañado polo tamén candidato, Rubén Lorenzo, puxo en valor os compromisos adquiridos no seu momento pola Xunta con este colectivo. Lembrou, por tanto, que os plans de sectorización están redactados hai tempo, polo que é necesario revisalos e reiniciar a súa tramitación xa que no seu momento quedou paralizada á espera da aprobación do PXOM de Carballo.

Esta revisión, confirmou, terá lugar este mesmo ano, toda vez que actualmente hai solo para dous anos e sendo conscientes de que existe un acordo co Concello para realizar un seguimento da disponibilidade de solo para proceder a súa ampliación en canto sexa necesario.

Outro dos asuntos que se abordaron na reunión foi o relativo a construción da variante de Carballo que, tal e como se acordou no seu momento, empezaría en Bértoa e contaría cun investimento de 15 millóns de euros.

Neste tema, Diego Calvo lembrou o compromiso da conselleira Ethel Vázquez cos empresarios do polígono, e asegurou que os prazos para a redacción do proxecto da primeira fase da obra víronse interrompidos pola crise do coronavirus.

“De tódolos xeitos, a súa redacción está incluída no plan de reactivación económica da Consellería de Infraestruturas”, asegurou o presidente provincial do PP, co que queda claro o compromiso de facelo e o obxectivo é poñelo en marcha canto antes, tendo en conta, loxicamente, que todo o proceso veuse alterado pola pandemia do coronavirus dos últimos meses.

Os representantes da comunidade de propietarios do polígono, pola súa banda, mostraron a súa satisfación ante o inicio dos trámites para a construción da circunvalación en Bértoa. “É unha obra vital para as cominicacións das empresas do polígono, e facilitará moitísimo as viaxes cara a Santiago”, aseguraron, á vez que insistiron na demanda crecente de solo por parte de industrias interesadas en asentarse no polígono.

Finalmente, tamén Diego Calvo insistiu en que para intentar minimizar o impacto da crise no sector da construción, a Xunta de Galicia traballou a reo para reactivar as obras públicas tanto no caso das xa licitadas como nas pendentes de licitar. Así, durante o estado de alarma reactivouse o contrato da estrada Valdoviño-Cedeira e a licitación da de San Sadurniño a Ortigueira.