Diego Calvo sobre os indultos: “Isto non vai de dereitas e esquerdas nin de partidos políticos; é só sentido común”

O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, estivo esta mañá na carpa instalada na Marina para a recollida de firmas contra o indulto que pretende conceder o goberno de Pedro Sánchez aos presos cataláns condenados por sedición, malversación e desobediencia.

Alí asegurou a súa total oposición a esta acción, pois non se dan as condicións para concedela porque, entre outras moitas cuestións, “nin sequera os solicitaron e non só non pediron perdón nin se arrepentiron, senón que aseguraron que volverán facelo unha vez estean libres”.

Para Calvo, estase demostrando que a meirande parte da poboación está en contra dos indultos aos presos do procés, cuestión que para el “non é cousa de partidos políticos nin de dereitas nin de esquerdas, senón de sentido común, legalidade e respecto á Constitución e á unidade de España”.

“A xente non entende que se poida conceder un indulto cando non hai arrepentimento, por iso está cada vez máis claro que Sánchez está disposto ao que sexa con tal de permanecer na Moncloa, pero non todo vale para conservar un despacho”, apuntou o titular provincial.

A postura do BNG
Diego Calvo tamén falou da actitude do BNG, que convidou a Gabriel Rufián a visitar Galicia xusto no día en que se están a celebrar manifestacións contra os indultos en toda España.

“Non enganan a ninguén. O BNG de Ana Pontón é o máis radical da historia, aínda que agora vaian coa estratexia de aparentar certa moderación. Todos sabemos o que son e o que defenden e, a pesar de que non lles gusta que o digamos, non esquecemos que foron con Bildu ás eleccións xerais. Iso xa di suficiente”, concluíu Calvo.