Esteban Abeijón encabezará a lista do PP con obxectivo de recuperar a alcaldía no Concello de Cee

Esteban Abeijón Lema (Suiza, 1972) é o novo candidato do Partido Popular á alcaldía de Cee, unha designación refrendada polo partido tanto a nivel local como provincial. Así se deu a coñecer no acto celebrado hoxe en Cee, no que o secretario xeral dos populares na provincia de A Coruña, Evaristo Ben trasladou o respaldo da organización ao novo candidato e apelou á unidade e ao traballo conxunto para afrontar os retos electorais nacionais e locais dos vindeiros meses. 

Na súa intervención, Ben quixo recoñecer expresamente o traballo feito por Jesús Picallo, de quen destacou a súa dedicación, o seu compromiso e o esforzo realizado durante a súa etapa á fronte do proxecto popular en Cee.

 

“Quero agradecerlle a Jesús o traballo realizado, o seu compromiso co partido e con Cee, e a dedicación que demostrou durante todo este tempo. Saber dar un paso ao lado cando chega o momento de abrir unha nova etapa tamén é unha mostra de xenerosidade e de compromiso co proxecto colectivo”, afirmou.

 

O dirixente provincial incidiu tambén que o PP de Cee afronta agora unha nova fase na que resulta fundamental sumar vontades, deixar atrás posibles diferenzas e traballar todos na mesma dirección.

 

“O importante é o proxecto, e o proxecto é Cee. Temos que estar unidos, apoiar a Esteban Abeijón e traballar xuntos, porque só desde a unión, a implicación e o esforzo colectivo poderemos alcanzar o obxectivo de gañar as eleccións municipais”, asegurou.

 

Neste sentido, Ben incidiu na importancia de manter un partido aberto á sociedade, capaz de incorporar novas persoas e ideas, escoitar as demandas dos veciños e ofrecer respostas aos problemas reais do municipio.

 

CON ILUSIÓN, RESPONSABILIDADE E MOITAS GAÑAS DE TRABALLAR 

 

Pola súa banda, Abeijón indicou que asume esta responsabilidade coa vontade de fortalecer a organización, ampliar a súa base social e traballar desde a proximidade para chegar ás próximas eleccións municipais cun proxecto sólido e compartido.

 

“Comezamos unha nova etapa con ilusión, responsabilidade e moitas ganas de traballar por Cee. Queremos un partido aberto, no que todo o mundo poida achegar, participar e sentirse escoitado. O noso obxectivo é construír un proxecto de futuro para o concello, sumando esforzos e contando cos veciños”, sinalou o novo candidato.

 

Por último, Ben tamén puxo o foco na importancia das próximas eleccións xerais para o conxunto do Partido Popular. “As eleccións xerais son unha cita fundamental para o PP. Temos que chegar a elas co partido mobilizado, forte e unido, porque o traballo que fagamos agora tamén será importante para afrontar con garantías as eleccións municipais”, sinalou.

 

O dirixente popular incidiu en que a preparación dos diferentes procesos electorais require planificación, implicación e coordinación entre todas as estruturas do partido, tanto no ámbito nacional como no provincial e local.