O vicesecretario xeral de Organización e Territorio do Partido Popular na provincia da Coruña, Evaristo Ben, volveu a cargar hoxe duramente contra o alcalde socialista en Ponteceso, García Carballido, despois de que o Goberno local non fose capaz de sacar adiante un acordo plenario para impedir que os veciños da localidade queden sen a partida económica que a Deputación da Coruña reparte a través do Plan de Obras e Servizos (POS).
“O señor García Carballido non pode seguir como alcalde nin un minuto máis. Os veciños de Ponteceso están a padecer as consecuencias dun bochorno sen precedentes que inhabilita ao rexedor para seguir no seu cargo”, afirmou Ben.
Neste sentido, o popular lembrou que a perda dos fondos provinciais é a “culminación” do que cualificou de “absoluto fracaso” na xestión municipal dun rexedor que perdeu a confianza de todo o grupo socialista co que inicio a súa etapa de goberno. “García Carballido poida que teña o respaldo legal que lle deron as urnas no seu día, pero a crise interna e o divorcio que existe no seu grupo, onde quedou en clara minoría, desacredítano para seguir á fronte do Concello de Ponteceso”, dixo Ben.
Ante esta situación, o vicesecretario xeral de Organización e Territorio esixiu ao secretario provincial do PSOE, Valentín González Formoso, que tome cartas no asunto e faga dimitir a un rexedor que provocou que os veciños de Ponteceso sufran as consecuencias dun alcalde que “non dialoga, non negocia, espera ao último día para presentar o POS e trata de chantaxear ao resto da oposición sen importante o que esa postura provoque no municipio”.
“Estaría ben que González Formoso deixase ao carón as manobras que está a levar a cabo no seu obxectivo de derrocar ao señor Caballero á fronte do PSdeG e se centrase en solucionar os problemas que a súa formación ten repartidos en diferentes puntos da provincia como Ponteceso, Ortigueira ou Muxía”, subliñou Ben.
Un POS sen obras
Ben aproveitou tamén para xustificar en “enfado” que os veciños de Ponteceso mostraron durante os últimos días ante unha situación “esperpéntica” provocada por un alcalde que, tal e como lembrou, presentou un POS no que o 90% da partida económica vai destinada a sufragar gasto corrente.
Así ben, recordou que o Partido Popular xa demostrou que sabe tender a man e negociar para facilitar a aprobación deste plan en concellos como Ortigueira e Muxía, onde recordou que o PSOE está en minoría dentro do goberno e das súas formacións locais, tamén por crises internas, pero onde o POS recolle proxectos para a realización de obras.
“O que non imos consentir é que, en lugar de sacar adiante actuacións que son necesarias para o municipio, o alcalde dedíquese a dilapidar ese diñeiro sen ningún tipo de control”, defendeu Ben, quen fixo fincapé en que a actual división do goberno local “non só provocou a perda do POS do 2020, senón que, de non acabar con este goberno local, tamén se pon en grave perigo a partida do 2021”.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742