José Manuel Mato asume as rendas do PP de Ponteceso comprometido a devolver a “normalidade” ao día a día do municipio

«Chegou o momento de que en Ponteceso se deixen de lado os bandos e a división, é momento de recuperar a xestión e devolver a normalidade ao día ao día do municipio e da vida dos veciños”.
Esa foi a carta de presentación do novo presidente da xestora do Partido Popular de Ponteceso, José Manuel Mato, e futuro candidato popular nas próximas eleccións locais.

Arroupado por integrantes da formación e veciños do municipio, e apoiado polo presidente provincial, Diego Calvo, polo secretario xeral dos populares, Evaristo Ben, e pola vicesecretaria e conselleira Ethel Vázquez, Mato centrou parte do seu discurso de presentación na “urxente necesidade” de unir ao maior número de veciños ao redor dun proxecto no que “terán cabida todas aquelas persoas que queiran sumar para mellorar o presente e futuro de Ponteceso”.

Lonxe de remover problemas e de buscar confrontación co actual Goberno Local, e despois de confirmar que se animou a dar o paso empuxado polo apoio que recibiu de todos os sectores da sociedade de Ponteceso, José Manuel Mato falou de recuperar a paz dun municipio no que, na súa opinión, é posible poñer en marcha “unha maneira diferente de entender e de facer a política”.

“Os veciños están cansados de acusacións que non levan a ningunha parte. A xente necesita un goberno que non cause problemas, que xestione e que solucione as necesidades que existen no Concello”, apuntou o empresario local, quen puxo como exemplo do que non debe producirse máis o feito de que Ponteceso quedase sen festas por diferentes enfrontamentos.

Chegar a todo o mundo
Con ganas de poñerse a traballar, e a menos de oito meses para a cita coas urnas, Mato comprometeuse a formar “o mellor equipo” co que, segundo explicou, poder chegar a todos e cada un dos veciños de Ponteceso.

“Quero dar a coñecer o meu proxecto, explicarllo á xente e demostrar que conto con todo o mundo, con independencia de a quen votasen ou deixasen de votar. Aquí non sobra ninguén, todo o contrario, contamos con todos”, apuntou o popular.

Respectado e querido
Pola súa banda, Diego Calvo, que agradeceu ao novo presidente da xestora o feito de que dese un paso á fronte para liderar a formación, asegurou que Mato é a persoa “idónea” para capitanear a nave popular nas próximas eleccións municipais.

“Estou seguro de que Mato será o próximo alcalde de Ponteceso. E o será porque coñece á perfección este municipio, leva moitos anos traballando aquí, estivo sempre preto da xente e basta darse unha volta polo Concello para escoitar que a xente o quere e o respecta”, asegurou o presidente provincial.

De todas as maneiras, o líder dos populares aproveitou tamén para incidir na idea de que un candidato só non é capaz de gañar as eleccións. “Cunha persoa soa non nos chegará. Vai necesitar rodearse dun bo equipo, de xente que estea disposta a traballar, a propor solucións e a sumar. Só así conseguiremos o obxectivo”, concluíu Calvo.