Máis de 1.000 persoas asistiron ás sesións de presentación do programa de Diego Calvo para presidir o PP provincial

O presidente provincial do Partido Popular da Coruña e candidato á reelección no 16 Congreso Provincial o día 25 de setembro, Diego Calvo, pechou estes días a campaña interna de presentación do seu programa de cara aos próximo anos.

 

Fíxoo despois de reunirse con máis de 1.000 persoas en encontros celebrados en diferentes puntos da provincia. O obxectivo da ruta trazada nas últimas dúas semanas foi visitar todas as comarcas, e por iso convocáronse citas en Muxía, Carballo, Abegondo, Narón, Oleiros, Noia, Santiago, Ames e a Coruña.

 

A elas acudiron tanto alcaldes como portavoces e concelleiros do Partido Popular en diferentes concellos, acompañados de militantes e colaboradores que quixeron escoitar as propostas do candidato e mesmo facer achegas para poñer en práctica durante os próximos anos.

 

Durante as súas intervencións, Diego Calvo insistiu na necesidade de facer chegar a ideoloxía do Partido Popular a toda a poboación, de xeito que apelou por abrir aínda máis o partido a todas as sensibilidades. “O único requisito para formar parte do Partido Popular da Coruña é ter ganas de traballar polo benestar e os intereses dos seus veciños”, repetiu, á vez que apelou á xenerosidade dos portavoces municipais para “esquecer problemas que puidera haber no pasado” en aras de ensanchar e agrandar o partido.

 

“Nestes momentos de incertezas, de crisis sanitaria e de crisis económica, o que esperan de nós os cidadáns é que lles deamos solucións aos seus problemas; nada máis e nada menos. Temos que ser quen de adiantarnos a situacións problemáticas”, puntualizou.

 

Comité de igualdade

Á espera de confirmar o organigrama definitivo da estrutura provincial do partido, Diego Calvo anunciou a súa intención de poñer en marcha un comité de igualdade destinado a atender todas as cuestións relativas á participación da muller na vida do partido.

 

“Pretendemos que sexa un órgano consultivo, aberto á participación de todas as interesadas, desde onde poñeremos en marcha iniciativas destinadas ás mulleres e desde onde denunciaremos calquera situación de desigualdade por mor do xénero, prestando especial atención tanto ao campo do emprego como á da conciliación da vida laboral e familiar”, explicou Calvo, que abriu á posibilidade á organización de seminarios, cursos ou talleres centrados en temáticas que demanden as mulleres.

 

A creación deste comité protagoniza o segundo anuncio feito polo candidato antes do Congreso Provincial do día 25, pois hai uns días confirmouse a futura posta en marcha dun comité de alcaldes e portavoces municipais que terá como obxectivo a coordinación de accións conxuntas en todos os concellos da provincia.