O Grupo Popular arranca un novo acordo no Parlamento pedindo un barco ponte para Navantia en Ferrol

O Grupo Popular no Parlamento de Galicia arrancou hoxe un novo acordo unánime do Pleno para instar ao Goberno Central á construción dun busque de acción marítima (BAM) para a Armada Española nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, facilitándolles carga de traballo mentres no comece a construción das fragatas F-110.

Así, por cuarta vez nos últimos meses, o Grupo Popular presentou unha proposición non de lei urxindo a contratación dun buque ponte que axude a mitigar a “dramática situación” pola que atravesa unha comarca “desprezada polo Goberno Central”, e que suma ao peche de Endesa “acelerado por unha nefasta política enerxética” a total falta de traballo en Navantia.

“O Goberno de Mariano Rajoy fixo o máis difícil, que foi incluír nos orzamentos xerais cartos suficientes para a construción das fragatas F-110, con 250 millóns de euros e traballo para 7.000 persoas”, lembrou o deputado popular Diego Calvo, que botou en cara tanto a socialistas como nacionalistas a longa espera de máis de tres anos para executar ese orzamento.

SEN RESPOSTA NO SENADO

Neste senso, explicou aos deputados o acontecido nas últimas semanas no Senado, cando o Grupo Popular presentou esta mesma iniciativa e atopouse con que ningún representante dos socialistas galegos acudira a sesión. “É máis, ningún membro do PSOE sabía que dicir ante a nosa petición de carga de traballo para Navantia”, relatou Calvo, que explicou que, finalmente, entrou un senador socialista a dicir que rexeitaban a proposta porque non era o lugar adecuado para o seu debate e porque non había orzamento para elo. “Pero se hai 250 millóns presupostados desde hai tres anos!”, amolouse Calvo.

O deputado popular insistiu en que a reclamación de traballo para Navantia “será unha constante neste Parlamento” ata que o Consello de Ministros firme a contratación dun buque ponte para Ferrol, toda vez que a secretaria de Estado de Defensa dixo nos últimos días que a construción das fragatas non comezará ata mediados do próximo ano. “Se o Goberno cumpre o que di, que nunca o fai e que nós o dubidamos, aínda teremos que esperar outros doce meses para que haxa traballo en Ferrol, e iso non o imos consentir”, asegurou Calvo.

TOMADURAS DE PELO NOS NOMEAMENTOS

Do mesmo xeito, o deputado popular criticou os últimos nomeamentos feitos polo Goberno en Navantia. “Nin unha enxeñeira de Montes andaluza nin o seu xefe de gabinete saben de barcos nin de empresas”, insistiu, á vez que lembrou aos grupos da oposición o malestar existente entre as forzas sindicais ante o que consideran “unha tomadura de pelo” cara a todos os traballadores do sector naval que pasaran ata catro responsables distintos polo estaleiro nos últimos anos.

Dirixíndose aos deputados do BNG, Calvo afeou a súa actitude cando “critican o maltrato do Goberno Central e dos socialistas” a diversos sectores de Galicia pero, sen embargo, non dubidan en apoiar os seus gobernos tanto en concellos como en deputacións. “Son os seus socios, non os que esquezan, os que están deixando morrer os nosos sectores industriais e económicos”, insistiu. Respecto ás peticións do BNG de “diversificar” o traballo nos estaleiros, rogoulles que deixen de lado os seus complexos, que apoien dunha vez a construción de barcos militares e que “logo, xuntos, xa demandaremos todo o que sexa necesario”.