O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou hoxe no Parlamento de Galicia a “contradición dos socialistas galegos cando, por unha banda, piden a realización dun novo plan sectorial do sector eólico pero, por outro lago, solicitan que se acelere o despregamento das enerxías renovables”. “En Galicia xa temos un modelo eólico, un modelo de vinculación, dun binomio indisoluble enerxía-industria”, afirmou.
Rubén Lorenzo reiterou o compromiso da Xunta coas enerxías verdes, “nun momento de transición enerxética onde contamos con todos os elementos necesarios para ser un referente nas próximas décadas gracias ao noso potencial”. Porén, garantiu que “esta riqueza pasará por un despregamento ordenado e compatible co medio ambiente, co territorio e, por suposto, coas persoas que viven nel”.
Respecto dos beneficios sociais e económicos, o portavoz popular lembrou que “a Xunta quere ir un paso máis alá coa futura lei de promoción dos beneficios sociais e económicos daqueles proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia”. Neste sentido, sinalou que os socialistas “teñen unha oportunidade de aportar na tramitación desta nova lei, pero as esperanzas de que isto aconteza son poucas porque os antecedentes non son moi alagüeños”.
Para rematar, Lorenzo asegurou que “a tramitación dos parques onde o órgano substantivo é autonómico e aqueles onde é estatal é idéntica, xa que contan cos mesmos informes sectoriais emitidos, na súa maior parte, por organismos dependentes da Xunta”.
“Pero hai unha diferencia clara nos tempos, porque mentres a Xunta comprometeuse a outorgar en tres meses tanto a autorización administrativa previa e de construción desde a obtención da declaración de impacto ambiental, o Estado leva xa 15 meses de retraso na tramitación dos seus parques eólicos”, explicou.