O Parlamento galego esixe que o Goberno asuma as indemnizacións aos mariscadores mentres duren as obras de dragaxe da ría do Burgo

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG, para que a Xunta se dirixa, unha vez máis, ao Goberno do Estado e lle esixa que se faga cargo das indemnizacións ao colectivo de mariscadores de A Coruña mentres duren as obras de dragaxe da ría do Burgo, cun prazo de execución de 26 meses.

 

O deputado popular Diego Calvo lembrou que o Goberno de Mariano Rajoy deixou o proxecto listo para a súa contratación, coa declaración de impacto publicada e o proxecto de obra pechado xa en abril de 2018. “Ademais do retraso habitual ao que desgraciadamente nos ten afeitos o Goberno socialista en cuestións importantes para Galicia, vimos unha serie de erros e chapuzas que, no último ano, retrasaron aínda máis o inicio dos traballos”, lembrou Calvo, en referencia ao “esquecemento” de contar coa aprobación previa do Consello de Ministros á adxudicación ou a “ausencia” no documento publicado no BOE de que se trata dunha obra financiada con fondos Feder.

 

“Chapuzas aparte, que é mellor xa nin comentar, estamos agora nun momento importante, porque a obra está adxudicada e o colectivo de mariscadores non sabe que vai ser do seu traballo durante o tempo no que duren as obras”, explicou Calvo. A xuízo do Grupo Popular, non hai ningunha dúbida de que ten que ser o Estado o que se faga cargo das indemnizacións a un colectivo de 80 persoas que se verán afectadas pola suspensión da actividade extractiva.

 

Lembrou tamén o popular que a Xunta, consciente desta problemática, presentou ante o Goberno central un plan social compartido entre administracións, no que o Executivo galego estaba disposto a achegar ata 100.000 euros do seu orzamento deste ano para apoio dos mariscadores afectados e demanda a achega de fondos na mesma medida aos concellos ribeiregos afectados e ao Goberno central ata acadar o millón de euros. No caso dos concellos, Calvo fixo fincapé en que presentaron alegacións ao proxecto e que estas foron aceptadas para acadar melloras do seu interese, polo que “é xusto que tamén colaboren agora na compensación ao colectivo afectado”.

 

“Respecto ao plan social presentado pola Xunta, xa pasaron tres anos desde que se fixo a proposta e non houbo resposta de ningún tipo desde o Goberno central”, criticou o deputado popular, que tamén insistiu na demanda de que os traballos de recollida e reposición da semente, cun orzamento de 620.000 euros, sexan executados polos propios mariscadores da confraría de A Coruña.

 

AFORRO NA ADXUDICACIÓN

 

Diego Calvo considerou “inaudito” que o Goberno central rexeite agora facerse cargo das compensacións aos mariscadores e que teña chegado a insinuar que é un asunto que podería resolverse nos tribunais. “Non entendemos e por suposto non estamos dacordo no que di o Goberno nin nesas ameazas aos traballadores. Hai informes xurídicos de que é o Estado quen debe facerse cargo desas indemnizacións porque é quen executa a obra”, explicou o deputado popular, que puxo como exemplo que a Xunta asumiu unha responsabilidade similar cando executou a variante de Noia ou o Ministerio de Fomento cando se construíu o Porto Exterior.

 

“Hai un aforro de 16 millóns de euros na adxudicación, que saíu a concurso por 48 millóns e contratouse por 32, e agora veñen a racanear a axuda aos mariscadores”, denunciou finalmente Calvo.

 

REUNIÓNS COS MARISCADORES

 

Durante o debate, Diego Calvo afeou a actitude do BNG ao querer apropiarse das demandas dun colectivo “ao que o Partido Popular leva defendendo dende hai máis de 20 anos”.

 

Así, lembrou os máis de 100 millóns investidos pola Xunta para rexenerar a ría do Burgo ou eliminar vertidos contaminantes dos concellos, así como as tres reunións mantidas este último ano pola conselleira do Mar cos afectados. “Na última xuntanza, o 19 de outubro, estivo presente tamén a subdelegada do Goberno en A Coruña, que escoitou a demanda dos mariscadores de que os servizos xurídicos das administracións deberían dirimir quen debería aboar as indemnizacións, e dende entón nada teñen comunicado á Xunta desde Madrid”, explicou Calvo, que rexeitou esa técnica do Goberno central de “botar balóns fora” cando está “meridianamente claro, e é de sentido común, que esa compensación polo cesamento da actividade corresponde á Dirección Xeral da Costa e o Mar”.