O Partido Popular pon en valor o turismo e a convivencia fronte a un BNG sectario que non ofrece servizos nin solucións

Nunha intervención ante os medios de comunicación, hoxe, as deputadas nacionais do Partido Popular, Marta González e Tristana Moraleja, xunto ao noso concelleiro, Adrián Villa, fixeron un balance da colaboración do Goberno central coa capital de Galicia. Así Marta González puxo en valor o turismo como “unha oportunidade económica e social para Santiago e para Galicia” e defendeu a necesidade de apostar pola convivencia entre visitantes e residentes, fronte “á falta de planificación do Goberno de España e a política de turismofobia, opacidade e ausencia de servizos básicos do goberno de BNG e CA”.

 

Marta González denunciou a “desatención, deixadez e apatía” do Goberno de España na preparación do próximo Ano Santo e lembrou que o Executivo estatal continúa gobernando cuns Orzamentos Xerais do Estado prorrogados desde 2023, aprobados ademais na anterior lexislatura.

 

“Esta situación -explicou- impide unha planificación adecuada das necesidades económicas para obras públicas, infraestruturas, investigación ou servizos e, por suposto, dificulta tamén unha correcta planificación e apoio a un acontecemento de excepcional interese público como é o Xacobeo 2027”.

 

González cualificou de “inadmisible” que a Comisión Interadministrativa do Xacobeo 2027 se constitúa a só catro meses do inicio do Ano Santo, cando o Grupo Parlamentario Popular xa reclamara en novembro de 2024 que o Xacobeo fose declarado acontecemento de excepcional interese público.

 

“Primeiro vetaron a iniciativa do PP alegando unha suposta redución de ingresos, meses despois incorporaron o Xacobeo a ese réxime e agora, a catro meses de 2027, constitúen a comisión que debe canalizar a cooperación entre administracións e os incentivos fiscais”, agregou.

 

Para a deputada popular, “Galicia non pode seguir sendo vítima da falta de interese dun Goberno central que chega tarde ás cuestións fundamentais para a nosa comunidade mentres dispensa un trato moi diferente a outros territorios”.

 

Tristana Moraleja reclama a Óscar Puente infraestruturas para Galicia

Pola súa banda, Tristana Moraleja puxo o foco nas infraestruturas e denunciou “a falta de apoio e investimento” do Ministerio de Transportes que dirixe Óscar Puente, sobre todo, na provincia da Coruña e nas conexións fundamentais para Santiago.

 

Moraleja referiuse á situación do ferrocarril, marcada polas “continuas incidencias, atrasos e cancelacións que afectan diariamente aos usuarios”, e lembrou que o PP presentou varias iniciativas no Congreso reclamando ao Goberno de España “un plan urxente de mantenmeto e investimentos que garanta un servizo ferroviario fiable e de calidade para Galicia”.

 

“Non podemos permitir -subliñou- que os galegos paguen cada vez máis e reciban uns servizos públicos cada vez peores, cando utilizan o tren para traballar, estudar, acudir a unha consulta médica ou simplemente desprazarse”.

 

A deputada popular advertiu tamén da necesidade de completar a autovía Santiago-Lugo, coa finalización do tramo Arzúa-Melide, unha infraestrutura especialmente relevante porque permitirá separar definitivamente o tráfico pesado do trazado do Camiño Francés.

 

“A isto súmanse, agregou, os problemas de conectividade aérea de Santiago, a situación da estación ferroviaria, o previsto peche do seu aparcamento en setembro e as carencias detectadas en materia de seguridade tras o incendio das dependencias da Policía Nacional”.

 

“Estamos ás portas dun acontecemento internacional da dimensión do Xacobeo e Galicia necesita infraestruturas, conectividade e servizos á altura. Iso é o que lle reclamamos ao ministro Óscar Puente: planificación, investimentos e solucións”, afirmou.

 

“O BNG cobra a taxa turística, pero non presta os servizos”

O concelleiro do PP de Santiago Adrián Villa denunciou tamén que, fronte á aposta dos populares por un turismo “ordenado, sustentable e compatible coa calidade de vida dos santiagueses”, o goberno de BNG e CA “segue instalado na turismofobia e no sectarismo”.

 

Villa lembrou que Santiago é unha cidade referente do turismo e advertiu de que “o que ten que facer un goberno responsable é aproveitar esa fortaleza económica para prestar mellores servizos tanto aos que nos visitan como aos propios veciños”.

 

Neste sentido, criticou a “opacidade” coa que o goberno nacionalista decidiu o destino dos 1,7 millóns de euros recadados coa taxa turística, “sen consenso real co sector e sen destinalos a necesidades básicas que son perfectamente visibles nas rúas”. “Só hai que percorrer o casco histórico para atopar papeleiras desbordadas, colectores cheos, problemas de limpeza, falta de presenza de efectivos de seguridade e ausencia de información a pé de rúa que permita atender aos visitantes e distribuír os fluxos turísticos”, explicou.

 

Por iso, Villa preguntouse “onde están eses 1,7 millóns e por que non se utilizan para reforzar os servizos que necesitan tanto os visitantes como os santiagueses”.

 

“Fronte á turismofobia do BNG, nós defendemos un modelo no que o turismo sexa unha oportunidade, cunha estratexia clara e cunha convivencia real entre o sector, os visitantes e os veciños”, afirmou.

 

O edil popular concluíu asegurando que “Santiago necesita un cambio de rumbo e un goberno liderado por Borja Verea que volva prestar os servizos básicos, xestione con transparencia os recursos municipais e coloque de novo a Compostela no lugar que lle corresponde”.