O PP acusa a Pedro Sánchez de “ningunear, discriminar e desprezar” á provincia de A Coruña cos PGE

Despois do despregamento que Pedro Sánchez fixo o outro día para visitar a cidade da Coruña, cunha comitiva de 20 vehículos, a verdade é que pensamos que viría, non cun pan debaixo do brazo, senón con toda a panadería, pero nada máis lonxe da realidade”. Tirando de ironía explicou esta mañá a deputada nacional, Tristana Moraleja, o que supoñen para a provincia de A Coruña os Orzamentos Xerais do Estado presentados a semana pasada polo Goberno Central.

 

Acompañada pola senadora Verónica Casal e os senadores Miguel Lorenzo e Juan Juncal, Moraleja insistiu en que as contas “ningunean, discriminan e desprezan” á provincia de A Coruña porque manteñen os investimentos “conxelados” pese a que desde o Goberno Central cualifícanse os PGE como os máis expansivos da historia.

 

“Son as contas do castigo e da penalización á provincia da Coruña”, dixo a deputada popular, quen cualificou as actuacións en tres categorías: as da inexecución, as orzamentadas pero que non se impulsan e as desaparecidas.

 

Entre as primeiras, Morajela situou os tramos da A-54 entre Arzúa e Melide e Melide e Palas, dos que dixo que levan 5 e 4 anos, respectivamente, cunha execución mínima e coas obras paralizadas.

 

Nesta mesma categoría incluíu á ligazón orbital da AP-9 en Santiago de Compostela, á que restou operatividade pola ausencia de orzamento para a súa conexión coa N-550.

 

No apartado de obras rexistradas pero que non se impulsan, a popular incluíu a ampliación de Alfonso Molina e a todas aquelas obras que contan cunha partida para visualizar certa perspectiva de execución. Por último, Moraleja referiuse á “nova pedrea dos 500.000 euros” en relación aos proxectos que non teñen previsión plurianual para levalos a cabo.

 

“Da área metropolitana, nada de nada. Nada para Bergondo, nada para Culleredo, nada para Cambre, Abegondo e seguimos sen o baipás do tren en Betanzos”, dixo a popular.

 

Nulo peso político de Inés Rey

Pola súa banda, Miguel Lorenzo falou do “nulo peso político” da alcaldesa, Inés Rey, á que acusou de non ser capaz de conseguir investimentos importantes para a cidade.

 

“Vendeunos a Cuarta Rolda como un dos grandes proxectos para impulsar a cidade, un proxecto que non entendía de ideoloxías, nin de partidos, e resulta que non atopamos partida para levala a cabo”, afirmou o senador e candidato á alcaldía da Coruña.

 

Lorenzo tamén criticou o atraso de 9 anos que acumula xa a ampliación da avenida de Alfonso Molina, da que dixo que haberá que esperar outra lexislatura para poder facela realidade, e censurou a falta de investimento previsto para a mellora da terminal de Alvedro.

 

Por último, o popular referiuse novamente á condonación dos 300 millóns de euros de débeda do Porto Exterior. “O goberno socialista si accedeu a esa petición en Valencia, aquí aprobáronse en pleno e por maioría mocións para que suceda o mesmo, pero seguimos sen saber que fai Inés Rey para que esa petición sexa unha realidade e A Coruña deixe de ser discriminada polo Goberno Central”, apuntou Lorenzo.

 

Moitos anuncios e poucas realidades en Ferrol

Pola súa banda, Verónica Casal, lamentou o “desprezou” co que Pedro Sánchez trata a Ferrol nos PGE. “O único que temos son anuncios que logo non se concretan en investimentos dentro das contas”, dixo, en relación á falta de partidas para a construción do dique seco de Navantia, a mellora da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña e á falta de licenza para a posta en marcha do taller de subbloques no estaleiro.

 

“Hai persoas –Yolanda Díaz, Ángel Mato e Valentín González- que se poñían con pancartas nas manifestacións para reclamar a construción do dique, pero resulta que agora, 4 anos despois de estar no goberno, non fixeron absolutamente nada”, criticou Juncal.