O PP arranca o compromiso do presidente da Deputación para abordar varias actuacións no Concello de Teo

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña celebra o compromiso adquirido polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, para abordar varias actuacións no Concello de Teo.

No último pleno celebrado este pasado venres, os populares aproveitaron para presentar un primeiro rogo no que reclamaban a importancia de mellorar a DP-8201, poñendo en marcha un proxecto para a ampliación da estrada ao seu paso polo municipio de Teo. En concreto, a mellora afectaría ao tramo entre a rotonda da autovía en O Piro (Oza) ata Campos (Teo) e no punto que enlaza coa estrada AC-241 (Ponte Ulla-Pontevea).

Dende o PP defenden a “urxencia” dunha actuación que, na súa opinión, garantiría a seguridade viaria desta zona que, a día de hoxe, vese “moi reducida” en determinados puntos dos 4,6 quilómetros que ten a estrada. A coación disto, hai que lembrar un recente accidente dun autobús escolar provocado polo estreitamento da calzada.

Demanda histórica dunha vía de gran servizo
Esta vía, explican os populares, é un eixo vertebrador das parroquias do sur do Concello, zona especialmente abandonada polo bipartito en Teo. E a súa mellora é unha demanda histórica dos populares teenses, tendo en conta que a DP-8201 é unha das vías máis transitadas do municipio, dando servizo a unha poboación de máis de 2.000 veciños de cinco parroquias, Oza, Vilariño, Santa María de Teo, Bamonde e Lucí.

Pero máis aló de vertebrar o sur do municipio, los populares engadiron outro factor relevante desta estrada, determinado por ser a infraestrutura que conecta co municipio de Vedra.

Parroquia de Luou
Por outra banda, os populares presentaron outro rogo que afecta ao histórico problema de anegamento da parte baixa da estrada no lugar da Igrexa en Luou, que vese agravado polas últimas actuacións de reasfaltado.

De forma inesperada, explican os populares, lévase a cabo unha actuación que vai exactamente en contra das peticións realizadas polos populares de Teo en pleno hai dous meses.

A finais do mes de xullo, tras unha reunión celebrada entre os populares locais e a directiva da AC A Mámoa de Luou, leváronse a pleno municipal unha serie de peticións na liña de procurar unha maior seguridade para os peóns no núcleo central da vila. Así, solicitábanse sinalizacións e medidas de calmado de tráfico no núcleo da Igrexa tendo en consideración o continuo tránsito peonil.

Con motivo desta petición, no devandito pleno recordábase o “histórico problema” de anegamento na parte baixa da estrada e pedíase que, de cara ás futuras actuacións na zona, se rebaixara a cota da estrada.

Pois ben, as últimas actuacións, din os populares, van xustamente en contra do solicitado: reasfáltase poñendo unha nova capa enriba da anterior enterrando aínda máis a parte baixa da estrada e non se coloca ningunha medida de calmado de tráfico.